PROPÓN RETOMAR O DIÁLOGO COA GENERALITAT

Sánchez ofrece unha España federal, mais omite toda referencia a Galiza na investidura

O candidato do PSOE propuxo a derrogación dalgunhas leis como a de Costas que permitiu a prórroga concedida a Ence.

Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez [Imaxe Congreso]

Pedro Sánchez pronunciou esta terza feira o seu discurso na primeira xornada da sesión de investidura. Fíxoo nun hemiciclo ateigado no que se atopaban, para alén das 350 persoas que compoñen o Congreso, tamén representantes do Senado.  

Na súa intervención Galiza estivo ausente, non houbo nen unha soa mención para o noso país, como tampouco para ningún outro territorio agás Catalunya da que falou por vez primeira por volta de 30 minutos após comezar. 

O candidato do PSOE á presidencia do goberno español propuxo "unha España federal nunha Europa federal"

O candidato do PSOE á presidencia do goberno español propuxo "unha España federal nunha Europa federal" como solución ao "problema de convivencia" que fixo a "parte da sociedade catalá" desconectar "do noso proxecto común", asegurou. Neste senso, Sánchez comprometeuse a convocar a Comisión bilateral entre a Generalitat e o executivo español e a "reformar a Constitución". Ora ben, aclarou, desde a "legalidade vixente" na procura dun "novo entendemento". 

Nada novo no discurso do PSOE que fixo fincapé na vontade de escoitar as propostas do Govern catalá en materias que "coinciden con outras Comunidades Autónomas" como a lei de dependencia, políticas de emprego, a reforma da administración local ou a parálise da LOMCE. 

Durante hora e media de discurso Pedro Sánchez procurou aproximarse ás forzas da esquerda parlamentar ás que insta a se sumar ao pacto asinado con Ciudadanos a prol dun "goberno do cambio". Perante as críticas á súa aproximación coa dereita, o candidato socialista asegurou que "non dá" a suma de escanos das forzas de esqueda para "un goberno só de esquerdas" polo que plantexa un executivo "de forzas progresistas". 

Sánchez non mencionou un dos elementos chave do acordo con Ciudadanos, a supresión das Deputacións

"Estamos obrigados a mesturarnos, a facer mestizaxe ideolóxica", sinalou en referencia a un hipotético acordo. A Ciudadanos dirixiuse directamente para lle agradecer ao seu líder a "valentía" de se ter sumado a un pacto que abrangue máis de dúas centas medidas e que "representa 9 millóns de persoas", afirmou, mais que fica aberto a novas incorporacións. 

"O grupo parlamentar socialista non aspira a impor nada, non temos liñas vermellas", dixo ao comezo da súa intervención para deseguido lanzar o primeiro dardo a Podemos a quen sinalou que "non ten sentido que forzas con menos apoio axixan o seu programa". Neste senso, tamén lembrou que os 90 escanos obtidos polo PSOE nas eleccións do 20D tornan o seu grupo na "pedra angular" de calquera estrutura de goberno. 

O candidato do PSOE propuxo derrogar a Lei de Costas

Ao grupo de Pablo Iglesias foi destinada boa parte da intervención de Sánchez ao preguntarlle en múltiples ocasións polas razóns de non comezar "a semana que vén" a implementar algunhas das súas propostas de goberno. "As mans do grupo socialista están tendidas", recuncou. 

Entre a batería de propostas debulladas por Pedro Sánchez durante a primeira xornada de investidura sorprendeu a ausencia da derrogación das Deputacións, un dos elementos chave do acordo asinado con Ciudadanos. Iso e a ausencia de calquera medida dirixida a Galiza, que non foi mencionada en todo o discurso. 

Así as cousas, Sánchez si avanzou a súa vontade de derrogar a Lei de Costas, a norma que permitiu Rajoy prorrogar en funcións o mantemento de Ence-Elnosa en Lourizán durante 60 anos máis. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios