Galiza acorda a suspensión das eleccións

As forzas políticas galegas acordaron onte deixar sen efecto a convocatoria electoral prevista para dentro de menos de tres semanas, ante a crise sanitaria, económica e social desatada pola propagación do coronavirus, que na Galiza deixa, segundo os últimos datos, tres persoas falecidas e 245 infectadas, 49 hospitalizadas, 9 na UCI. 
2020031618343315519
photo_camera As forzas galegas acordaron a suspensión nun encontro mantido por videoconferencia. (Europa Press)

A reunión mantida na mañá de onte polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, coa representación do resto de forzas galegas confirmou o que xa todo o mundo agardaba: a posposición das eleccións previstas para o 5-A até a resolución da crise a derivada da propagación do coronavirus. 

Será, segundo informou Feixoo logo dun encontro desenvolvido vía videoconferencia e que terá continuidade no día de hoxe, mediante un decreto que permitirá deixar sen efecto a data prevista para os comicios e reactivar o proceso. "Todos coincidimos en que non se poden celebrar en ningún caso na data prevista", sinalou, tras a conversa con Gonzalo Caballero (PSdeG), Antón Gómez-Reino (Galicia en Común), Ana Pontón (BNG) e Beatriz Pino (Ciudadanos), Feixoo, sen comprometer data para a nova convocatoria.

"Neste momento non parece posíbel fixar unha data certa en ningún caso. Debemos estar a outra cousas [...] A elección prioritaria e única de todas as galegas é derrotar a pandemia; esta é a elección que está convocada e non sabemos por canto tempo durará a convocatoria", zanxou, sen querer tampouco garantir a súa coincidencia cos comicios vascos, tamén adiados no día de onte.

Non será, en calquera caso, antes de que deixe de ter efecto, tanto o estado de alarma decretado polo Goberno central como a emerxencia sanitaria instaurada pola Xunta, segundo reafirmou, logo de apuntar a posibilidade de que a precampaña se retome "no punto no que se deixou". 

O decreto polo que quedará sen efecto a convocatoria do 5 de abril, aínda en construción, será remitido esta mesma mañá ao resto de partidos, segundo avanzou Feixoo, acompañado dun informe da asesoría xurídica, para que poidan "coñecer e avaliar" o seu contido. Unha vez salvado ese trámite, enviarase á Xunta Electoral da Galiza para, segundo indicou, "oíla antes de de aprobar definitivamente a suspensión" por parte deo Executivo galego. " Falta só executalo formalmente. Agora, co aval de todos os grupos, articularémolo legalmente", indicou.

O ánimo "fluído e contrutivo" que Feixoo destacou da reunión de onte reflectiuse tamén nos grupos da oposición, que concordaron en poñer a loita contra a propagación da pandemia como única prioridade. 

"A saúde da cidadanía marca a nosa prioridade e todas e todos estamos plenamente concienciados de gañar este reto en clave de país", manifestou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen propuxo adiar ao 27 de setembro os comicios  se non se dá un consenso para fixar unha data anterior. 

"Temos a convicción clara de que nas próximas semanas todos os recursos teñen que ir á crise sanitaria, económica e social derivada do coronavirus”, conveu tamén  o candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, quen demandou "consenso" á hora de estabelecer os pasos a seguir no proceso electoral.  

Desde o BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, avogou por reforzar o papel da deputación permanente do Parlamento neste período, "para facer un control do Goberno".

Comentarios