Son case 458.000 galegos e galegas residentes no estranxeiro con dereito a voto

Galiza achega perto do 22% do CERA do Estado

Eleccións municipais de 2105 en Vigo (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prazo para solicitar o voto pechouse onte

Se constituísen unha circunscrición electoral, o CERA, é dicir, o censo electoral de residentes ausentes, sería a terceira provincia galega, despois da Coruña e Pontevedra. Perto de 458.000 galegos e galegas da emigración están chamadas a participar nas eleccións xerais do vindeiro 28 de abril, una cifra que supón case o 22% do CERA do conxunto do Estado, que ascende ás 2.088.000 persoas.

Por provincias, A Coruña é a que máis achega, con 158.144 residentes ausentes, seguida de Pontevedra, con perto de 132.000, Ourense con máis de cen mil, e Lugo, por riba dos 66.000. 

Por país de residencia, Arxentina é o que máis electores e electoras aporta. No caso da provincia da Coruña, os residentes naquel país superan os 55.000 galegos e galegas, polos perto de 19.000 que viven en Uruguai, os máis de 16.000 de Suíza; 11.000 en Cuba e 10.000 en Venezuela. En Lugo son tamén os residentes en Arxentina, con máis de 31.000, seguidos dos que viven na illa caribeña, máis de 14.000. Por riba da decena de millar con procedencia ou raíces ourensás están tamén os residentes en Arxentina, perto de 29.000, seguidos dos que o fan en Cuba, case 13.000. En canto a Pontevedra, novamente Arxentina, con case 47.000 persoas, é que máis emigración galega con dereito a voto absorbe, seguida de Brasil, con 21.000, Uruguai (case 12.000) e Venezuela, no cuarto lugar, con máis de 8.000. 

Comentarios