“Desde Galicia ningún partido debe sentar as bases do xogo, pero desde o Estado Español tampouco”

Reproducimos a seguir un artigo enviado a Sermos pola Comisión Cidadá pola Unidade no 25 de Xullo, impulsora tamén do Banquete 2.0 que irá decorrer este domingo na praza Aurelio Aguirre de Conxo. O artigo leva por título Os primeiros pasos do camiño.

Comisión Unidade Día da Patria Galega 2015 e Banquete de Conxo
photo_camera Conferencia de imprensa da Comisión previa ao Día da Patria Galega.

Moito se leva falado e reflexionado nos últimos meses sobre a posibilidade dunha candidatura de confluencia de cara ás eleccións xerais e galegas. Nun primeiro chanzo, co obxectivo dun grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados, nun segundo, como alternativa sólida ás políticas populares en Galicia. Na primeira cuestión, moi probablemente, o único xeito de que cadraran os números sexa cunha plataforma ampla que dea acubillo ás demandas sociais dun país que se desangra entre o paro, a emigración e o desmantelamento xeral do Estado do Benestar. E é ben sabido que as sociedades sumidas na aporía son especialistas en darlle saída con diversas iniciativas ás súas coitas (se ben isto non garante a disolución da aporía).

O que non debe ficar fóra do foco é que a sociedade galega é unha sociedade dinámica que xa ten tecida unha ampla rede municipalista, cultural, deportiva, veciñal, sindical que, xunto con diversos proxectos xurdidos recentemente, demandan unha alternativa galega de base, creada desde a cidadanía. Evidentemente, alén disto, tamén hai partidos, mareas e alternativas políticas que cavilan sobre esta posibilidade.

Tras o Banquete, o compromiso é o de promover xuntanzas en todos os puntos de Galicia

Por iso, facendo lembranza ao 2 de marzo de 1856, data do máis transcendental acto de irmandade da historia recente de Galicia convocamos este domingo 23 de agosto a todas esas persoas que se sintan interpeladas,  aos movementos e colectivos, á mocidade para, entre todos, ter a oportunidade para establecer as bases de funcionamento que conteñan uns principios mínimos de democracia de base e transparencia e, deste xeito, aportar as consideracións postas en común ao proceso. E desde Galicia ningún partido debe sentar as bases do xogo, pero desde o Estado Español tampouco. Hai que ter altura de miras e xogar sen imposicións e con xenerosidade.Tras o Banquete, o compromiso é o de promover xuntanzas en todos os puntos de Galicia

O obxectivo fundamental é o de ser quen de iniciar unha vaga de conciencia colectiva que sustente un suxeito político que dea solucións e xestione e acompañe institucionalmente o noso futuro colectivo. Pero para isto é fundamental que sexa unha candidatura galega, que defenda os intereses da inmensa maioría da sociedade, e que sosteña que, no que atinxe a Galicia, é Galicia quen decide, e que polo tanto, como nación ten dereito a decidir. Desde SOS Sanidade Pública ata as protestas na educación. Desde o lumes nunca máis ata as protestas dos estaleiros, o país precisa estar representado nas próximas Cortes do Estado Español.

"Novos vieiros e novos pés para camiñalos. Son precisos sitios comúns e persoas mozas que abran as portas"

Evidentemente, tras o Banquete, o compromiso é o de promover xuntanzas en todos os puntos de Galicia. Queremos que o Banquete sexa un dos primeiros pasos do camiño polo cal Galicia chegue a un novo tempo histórico. Un tempo de relevancia. Novos vieiros e novos pés para camiñalos. Son precisos sitios comúns e persoas mozas que abran as portas. Permitir que esta, se cadra, última oportunidade se frustre obedecerá a falta de miras e, probablemente, a xenreiras persoais e agravios pasados."Novos vieiros e novos pés para camiñalos. Son precisos sitios comúns e persoas mozas que abran as portas"

Chamamos por todas e todos, sen exclusións nin condicións previas, para sentar as bases da ferramenta que nos serva para, social, política e institucionalmente, vehiculizar o feito diferencial galego e as demandas (que non son poucas) dunha sociedade empobrecida e esquilmada. Traballo, xenerosidade, irmandade e Galicia.

Comentarios