5-A

"Galicia é moito", lema de campaña 'popular' para o candidato Feixoo

O presidente da Xunta e do PP en Galiza proclamouse oficialmente candidato ás eleccións parlamentarias este sábado en Vigo.
feixoo
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, este sábado no Auditorio Mar de Vigo (Twitter: @ppdegalicia)

O presidente da Xunta e do PP en Galiza, Alberto Núñez Feixoo, presentouse este sábado como un candidato "libre" para optar á reelección nos comicios autonómicos do próximo 5 de abril e advertiu: "Non serei refén de ningún partido, nin tan sequera do meu, porque son servidor de todos os galegos".

Fronte a un Auditorio Mar de Vigo con numeroso público presente para a súa proclamación oficial como candidato polo PP, Feixoo reivindicouse como "un candidato libre" que aspira a "volver ser un presidente libre" con obrigas "só cos galegos, nada máis".

Tras días de apelacións directas desde a xestora de Ciudadanos para concorrer aos comicios de forma conxunta, o líder dos populares galegos descartou dirixir "ningún bloque de partidos". Así, co compromiso de "dar estabilidade" e "representar o entendemento" entre a cidadanía galega, situou en fronte unha oposición "multipartita" que fomenta a "división".

Con este multitudinario acto na entrada do Auditorio Mar de Vigo, onde tamén interviñeron a delegada da Xunta na cidade, Corina Porro, e o líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, Feixoo lanzou a súa precampaña baixo a máxima de "Galicia é moito. Galicia é todo".

Comentarios