Política

Galicia en Común pide que a Xunta rectifique após defender os desafiuzamentos en plena pandemia

A coalición exixe a comparecencia da conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, diante da Deputación Permanente e demándalle á Xunta que active a súas competencias en vivenda para protexer as familias máis vulnerábeis.
Antón Gómez-Reino na rolda desta segunda feira (Galicia en Común).
photo_camera Antón Gómez-Reino na rolda desta segunda feira (Galicia en Común).

Galicia en Común-Anova Mareas insta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "rectificar de inmediato" a súa política de vivenda logo de que a conselleira Ángeles Vázquez manifestase por escrito nunha carta ao Ministerio que "prohibir os desafuizamentos 'arrefría o mercado inmobiliario' no canto de protexer o dereito dos galegos e galeas a unha vivenda digna en plena pandemia da COVID-19". 

"Urximos a comparencia da conselleira de Vivenda diante da Deputación Permanente do Parlamento galego por dúas cuestións: saber por que a Xunta non está a exercer as súas competencias nesta materia e, en segundo lugar, pedir a rectificación inmediata da señora Ángeles Vázquez que nunha carta ao ministro Ábalos se lamentaba porque as medidas de escudo social implementadas polo Goberno do Estado prexudicaban ao mercado inmobiliario e aos grandes propietarios", manifestou esta segunda feira o voceiro da coalición, Antón Gómez-Reino. 

"O fundamental agora é estar do lado das familias que teñen dificultades para pagar o aluguer e as hipotecas", manifestou Gómez-Reino, quen lembrou que nesa liña vai a batería de medidas proposta desde a coalición na que, entre outras cuestións, se pedían bonos de alugueiro para familias sen recursos e exonerar o pago nas vivendas de protección social até xuño.

Reunión con Feixoo

Gómez-Reino, en rolda de prensa telemática desde a sede da coalición, fixo balance das demandas que a coalición lle trasladaba onte á tarde ao presidente galego, logo de varias semanas adiando a convocatoria coas forzas da oposición.

"Finalmente, onte sí tivemos esa xuntanza logo de 17 horas de comparecencias de Feixoo na RTVG e só 42 minutos para dar a cara no Parlamento e de varias semanas sen convocarnos tal e como estaba acordado", apuntou Gómez-Reino. "Entendemos que esta xuntanza é imprescindíbel para fixar unha posición de país, consensuada, e que debera ter carácter semanal e previa á videoconferencia de presidentes".

O voceiro tamén instou ao presidente da Xunta a garantir que "todas as profesionais sanitarias na primeira liña na batalla contra a COVID-19 non van a rematar os seus contratos o 30 de abril" e demandou, unha vez mais, "claridade absoluta" ao respecto da nova data na que se teñen que celebrar as oposicións. "A Xunta debe convocar unha mesa, fixar un novo calendario e garantir as prazas", aseverou.

Por outro lado, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas amosou a súa preocupación pola situación nas residencias de maiores, lembrando que a coalición vén pedindo a súa intervención desde o 24 de marzo. Así, referiuse ao "debate que terá que darse sobre o cambio de modelo nos coidados aos nosos maiores no que o público ten e debe sair reforzado".

Comentarios