Política

Galicia en Común-Anova critican os recortes de Feixoo na atención primaria e piden máis "esforzo investidor" á Xunta

Antón Gómez-Reino, portavoz da coalición, sinala que Galiza "podería enfrontarse a esta crise con moitas máis garantías" de non ter recortado o orzamento para a atención primaria na última década. 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (En Común-Anova).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (En Común-Anova).

Galicia en Común-Anova Mareas pon o foco nos recortes na atención primaria dos Gobernos de Alberto Núñez Feixoo. O seu portavoz, Antón Gómez-Reino, sinalou nesta quinta feira que o país "podería enfrontarse a esta crise con moitas máis garantías se Feixoo non tivera recortado un 21% o orzamento sanitario para atención arimaria"

Gómez-Reino, que recibiu o alta após pasar o coronavirus na casa, reiterou a necesidade de que a Xunta dedique "todo o esforzo investidor necesario" para "reforzar" o sistema público de saúde, e insistiu en que se os hospitais galegos "acaban colapsando pola epidemia da COVID-19 boa parte da responsabilidade será de Feixoo, que leva anos recortando o orzamento sanitario".

Así, o portavoz da coalición manifestou que ese recortes tamén afectaron á oferta de camas hospitalarias: "Na Galiza había 10.434 camas cando Feixoo accedeu á Xunta. Hoxe son 900 menos. Se en 2009 a oferta hospitalaria era de 3,53 camas por cada mil habitantes, hoxe non chega ás 3,14. A terceira peor cifra de todo o Estado".

Asemade, Eva Solla lembrou que "neste decenio de Feixoo, a sanidade pública galega mantivo varias folgas: na atención primaria e nos puntos de atención continuada (PACs), contra a amortización de prazas, polas deficiencias no 061...".

"Agora enfrontamos unha situación de crise na que a sanidade pública ten que xestionar e facer fronte ás graves consecuencias e deficiencias que provocaron os recortes, que afectan en definitiva á calidade da atención da nosa saúde", aseverou Solla.

O "alicerce" do sistema sanitario público

Na mesma liña, Martiño Noriega resaltou o traballo que desde a atención primaria se leva adiante "non só no combate desta pandemia do coronavirus, senón para previr calquera tipo de doenza" e defendeu este servizo "como o alicerce do noso sistema de saúde público porque é o máis próximo á cidadanía e o máis efectivo". 

Noriega referiuse a que "a defensa da atención primaria e protestar contra o seu deterioro foi a principal motivación da última multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública na Galiza, o pasado 9 de febreiro". E por isto sostivo que "non se entende que Feixoo continúe a insistir nos seu enfraquecemento, facendo o contrario do que debería facer: dotar de recursos á atención primaria, non retirar os residentes estas semanas, organizar e coordinar mellor o servizo, derivarlle o seguimento e control domiciliario dos doentes de coronavirus mediante o programa Telea, entre outras medidas, e deixar de pensar na propaganda dos hospitais de campaña". 

Desta maneira, desde a coalición comparten as afirmacións da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que vén de advertir que "se a atención primaria non asume o seu protagonismo na crise do coronavirus, o sistema sanitario poderá colapsar antes do previsto".

Comentarios