Política

Galicia en Común urxe Feixoo a usar os recursos da privada e non seguir "o modelo" de Madrid

Antón Gómez-Reino salienta que a Xunta ten que "pór xa a disposición do ben común as case 2.300 camas e os máis de 2.300 profesionais sanitarios deses 22 centros privados do país".
Eva Solla, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega (En Común-Anova).
photo_camera Eva Solla, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega (En Común-Anova).

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, urxíu esta terza feira a Xunta "a facer efectiva de inmediato a intervención dos hospitais privados" do país anunciada por Alberto Núñez Feixoo, "para que todos os seus recursos permanezan a disposición do sistema público de saúde mentres dure a emerxencia sanitaria" provocada pola COVID-19.

"Levamos varios días pedíndollo. Hoxe por fin anunciou que o vai facer, pero falta o máis importante: tomar o control da situación", afirmou Gómez-Reino. "Feixoo ten que deixar de pensar na propaganda, exercer as súas competencias e usar todos os recursos da sanidade pública. É dicir, pór xa a disposición do ben común as case 2.300 camas e os máis de 2.300 profesionais sanitarios deses 22 centros privados do país . Queremos garantir que eses recursos están a disposición de todas as cidadás da Galiza até que gañemos a batalla contra o virus", engadiu.

Gómez Reino subliñou que, á marxe dos medios humanos e materiais que se destinen á diagnose e tratamento dos doentes afectados polo coronavirus, os hospitais privados contan con recursos como "salas cirúrxicas e de urxencias" e "equipos de diagnóstico de alta tecnoloxías" que "tamén teñen que estar a disposición dun sistema público de saúde colapsado e lastrado por lustros de recortes en inversión e plantilla".  

Datos de ocupación de hospitais

Por outra banda, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas insistiu na necesidade de dar conta da situación porque "antes de lanzarse a calquera aventura de hospitais de campaña ou sucedáneo ten que dar conta do grao de ocupación de todos os hospitais públicos e privados".

"Non pode haber camas libre nos hospitais e doentes ingresados e durmindo en recintos feriais ou deportivos", aseverou Gómez-Reino. “Este modelo importado de Madrid está a derivar en grandes riscos para a saúde pública pola falla de garantías para o persoal sanitario e os doentes”. 

"Non é tempo de propaganda, é tempo de dar contas e de explicar, tamén, porque Feixoo se está dedicando a adelgazar a Atención Primaria sabendo que é a primeira liña de combate contra esta ou calquera outra enfermidade", concluíu o portavoz da coalición.

Comentarios