PRE-CAMPAÑA 10-N

Galicia En Común presenta un programa "construído desde Galiza para gobernar o Estado"

As cabezas de lista da formación pola Coruña, Antón Gómez-Reino, e Pontevedra, Yolanda Díaz, presentaron este sábado en Compostela un paquete de 850 medidas "para a maioría social do país", o programa co que Galicia En Común se presenta ás próximas eleccións xerais do 10 de novembro.
Díaz e Gómez-Reino, este sábado en Compostela durante a presentación do programa.
photo_camera Díaz e Gómez-Reino, este sábado en Compostela durante a presentación do programa.

Díaz e Gómez-Reino reivindicaron que se Galicia en Común e Unidas Podemos consolidan e reforzan a súa presenza no Congreso, "España terá garantido un goberno de progreso que asegure que se fan políticas ao servizo da cidadanía galega".

"Quero presumir de que moitos avances que se fixeron nestes tempos levan a marca propia de Galiza. Agora queremos recuperar o subsidio de desemprego para maiores de 52 anos, subir outra vez o salario mínimo e os permisos iguais e intransferibles para pais e nais, garantir unhas pensións dignas", destacou Díaz durante a rolda de prensa, segundo recolle o seu partido nun comunicado.

Pola súa banda, Gómez-Reino asegurou que o de Galicia en Común "non é só un programa electoral", senón que é un "percorrido de moito tempo traballando nas institucións, que reúne diversos documentos elaborados por expertos e que conclúe con 850 medidas para mellorar a vida da xente".

Insistiu en que se trata dun programa "construído desde Galicia para gobernar o Estado" coa vontade de xerar "dereitos e estabilidade" e de ser un "elemento fundamental de avance democrático" para o país.

O programa está dividido en catro grandes apartados: 'A xente no centro das políticas: emprego, protección, servizos públicos e benestar como dereitos cidadáns básicos'; 'Transformar o modelo produtivo: máis riqueza e mellor repartida, avanzando na transición enerxética'; 'Máis democracia reforzando os dereitos e as liberdades', e 'Reformar o modelo de Estado'.

Comentarios