luns 01.06.2020

Galicia en Común insta a Feixoo a ocupar “as camas baleiras” da privada

A través do seu portavoz, Antón Gómez Reino, Galicia en Común-Anova Mareas emprazou o Goberno galego a pór de inmediato “a disposición da loita contra a COVID-19” todos “os medios técnicos e humanos dos centros hospitalarios privados do país antes de propor o uso de hospitais de campaña”.

Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).

Así, Galicia en Común desbotou a proposta que puxo sobre a mesa Feixoo este domingo e pola cal se abrirían hospitais de campaña en Compostela e na Coruña, “Feixoo debe ser claro e transparente e dar conta á cidadanía de se vai montar camas en instalacións deportivas cando hai camas libres e dispoñíbeis nos hospitais privados do país”.

Gómez Reino sinalou que os hospitais privados contan na Galiza cun total de 2.285 camas, así como de 563 médicos e 1.744 profesionais de enfermaría, entre outros medios materiais e humanos. Antes estes recursos, puxo de manifesto que “os hospitais de campaña modelo Ifema deben ser a última opción”.

Gómez Reino insistiu en que Feixoo “debe informar de inmediato á cidadanía galega e dar conta exacta de cantos recursos dispoñemos no país”, así como explicar “cales son as necesidades dos hospitais”, despois de que se coñecese que o hospital de Ourense recorreu á sanidade privada na procura de material, tal e como comunicou Nós Diario.

Galicia en Común-Anova Mareas tamén demandou o reforzo da Atención Primaria, aproveitando ferramentas de seguimento e control domiciliario dos doentes positivos na COVID-19 mediante o programa Telea.
 

comentarios