Galicia en Común encara o 10N co lema 'Conta con nós'

As catro cabezas de lista de Galicia en Común presentaron o lema de campaña para as vindeiras eleccións xerais do 10 de novembro. Concorrerán co reclamo Conta con nós, para procurar “unha alternativa que pasa por que o voto progresista sexa clave, para que Galiza estea no centro do debate político”.
Galicia en Comun Lema
photo_camera As catro candidatas de Galicia en Común presentaron o lema da campaña para o 10N [Imaxe: Galicia en común]

"Entendemos que é un momento importante e clave, todo o mundo sabe que pode contar con nós e demostrámolo co traballo no Congreso estes anos", incidiu o deputado e candidato pola circunscrición da Coruña Antón Gómez-Reino. “Levamos tempo promovendo iniciativas políticas e poñendo Galiza no centro do debate, tanto no Congreso como no Senado. Todo o mundo sabe que pode contar con nós: os traballadores de Alcoa, Isowat, Poligal, as mulleres das conservas, teleoperadoras, os mozos e mozas mobilizados contra o cambio climático, a loita feminista, as pensionistas…” enumerou. 

Pola súa banda, Yolanda Díaz, candidata por Pontevedra, resaltou da candidatura que ten “bos vimbios para un país que precisa un cambio fondo". “Para o noso grupo, Galiza conta pero, pola contra, no tempo de Goberno en funcións, Sánchez aínda non pronunciou Galiza”, censurou para alertar de que "a democracia está en xogo”.  “Temos que mobilizarnos porque queren pechar un ciclo", manifestou.

Na comparecencia interveu tamén a candidata por Lugo, Vanessa Somoza, quen aludiu ás necesidades da súa circunscrición, como un xulgado do social e outro especializado en violencia machista para Lugo. “E temos aos traballadores de Alcoa San Cibrao ás portas da rúa. Están en xogo máis de 1.200 postos directos e miles de indirectos. A industria da Mariña lucense quedaría abandonada", advertiu.

O ex deputado David Bruzos subliñou o “orgullo” que significa para el encabezar de novo a candidatura nesta circunscrición, ao concorrer de número 1 na lista en substitución de Ledicia Piñeiro.  "En Ourense a situación é límite, está na UCI debido a 40 anos de gobernos do PP na Deputación e no Concello. Non fixeron o seu traballo. Precisamos un cambio e outra xente que demostre que se pode traballar por Galiza", concluíu o deputado. 

O obxectivo da campaña, que volverá traer a Pablo Iglesias á Coruña o 3 de novembro para un acto electoral, é, segundo destaca a organización, “saír con forza, porque "os que non teñen que durmir polas noites son os que mandan e os que están esnaquizando as nosas vidas. Saímos con forza para que a xente do común poida durmir polas noites, para dicir que precisamos derrogar a reforma laboral para non vivir na miseria".

Comentarios