domingo 12.07.2020

Galicia en Común, preocupada polo repunte de mortes de usuarias de residencias

Cuestiona a sobrecarga do persoal de Atención Primaria, encargado do estudo epidemiolóxico deseñado pola Xunta, na crise sanitaria.
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).

O novo repunte no número de usuarias de centros de maiores con COVID-19 falecidas levou onte ao voceiro da coalición de Galicia en Común, Anova e as mareas, Antón Gómez Reino, a reclamar ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, a comparecer e dar conta da xestión das residencias.

Gómez Reino reiterou que, ao longo das últimas semanas, a forza que lidera solicitou en diversas ocasións a intervención de todas as residencias, que rexistraron ao longo da pandemia 46% do total de falecementos relacionados coa COVID-19 na Galiza. 

"Feixoo ten a obriga de explicar á cidadanía por que non fixo nada en todo este tempo, cando sabía perfectamente o que estaba a suceder", salientou, logo do cal volveu denunciar que as familias de usuarias dos centros de maiores "non teñan outra saída que recorrer aos tribunais" tres pedir "axuda e medios" á Xunta da Galiza. 

Sobrecarga da Atención Primaria

O líder da coalición tamén sacou a relucir o malestar manifestado por profesionais do eido da Atención Primaria, actualmente encargados do estudo epidemiolóxico deseñado pola Xunta da Galiza, e que supón chamadas telefónicas e seguimento a 100.000 galegas e galegos, "cando a situación sanitaria demanda enfocar as súas capacidades en contar a pandemia".

"Un dos maiores problemas da sanidade galega ante a crise da COVID-19 foi a fraxilidade do sistema de Atención Primaria, que durante os anos de Goberno de Feixoo padeceu recortes orzamentarios de 21%", asegurou Gómez Reino.

O dirixente da coalición salientou que a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) denunciou o "malgasto de persoal nun estudo cando as prioridades sanitarias deberan ser outras".

comentarios