domingo 12.07.2020
POLÍTICA

Galicia en Común comprométese a "estabilizar" o emprego da enfermaría se chega á Xunta

Antón Gómez-Reino e Eva Solla reúnense coas Enfermeiras Eventuais en Loita e apostan por un "plan de recursos humanos que dea estabilidade ao persoal sanitario co obxectivo de mellorar as súas condicións laborais".
Gómez-Reino e Solla con representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita (Galicia en Común).
Gómez-Reino e Solla con representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita (Galicia en Común).

Galicia en Común-Anova Mareas comprométese a "estabilizar" o emprego das profesionais da enfermaría da sanidade pública galega se após as eleccións do 12 de xullo chega ao Goberno galego. 

O candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, e a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, reuníronse esta terza feira co colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, que denuncia que a Galiza é o terceiro territorio do Estado co peor ratio de enfermeira por doente con só cinco profesionais por cada mil pacientes. 

A coalición asegura que traballará para "estabilizar o emprego do persoal" e que levará a cabo "unha radiografía nova das necesidades de cada servizo de cara a poder sacar novas prazas de enfermaría en varios exercicios". "A chave da nosa sanidade pública está nas súas profesionais e debemos coidalas", salientan. 

Apostan pola aprobación dun "plan de recursos humanos que dea estabilidade ao persoal sanitario co obxectivo de mellorar as súas condicións laborais, non só con novas prazas senón tamén cunha planificación das Ofertas Públicas de Emprego (OPE), especialmente nas especialidades deficitarias".

Ademais, aseguran que se chegan a ter responsabiliades de Goberno, actualizarán as categorías profesionais e as funcións da enfermaría, persoal técnico e auxiliar de enfermaría. Tamén recoñecerán ás celadoras como persoal sanitario

"Coa vista posta na atención en todo o territorio, garantirase a equidade no acceso aos servizos sanitarios no rural, cunha carteira de servizos mínimos que lle dean a volta ás políticas da última década do Partido Popular", manifestan.

comentarios