Galicia en Común chama a que "ningunha familia galega pague esta crise"

O candidato da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, que segue en corentena á espera dos resultados da proba da COVID-19, coincide en que "non se dan as garantías" para as eleccións do 5 de abril.
Antón Gómez-Reino
photo_camera Antón Gómez-Reino

"Non se dan as garantías para un proceso electoral e hai que deixar fóra da axenda as eleccións do 5 de abril". Así de contundente se mostrou o candidato da coalición electoral Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, nunha videoconferencia após a xuntanza desta segunda feira entre o presidente da Xunta e as forzas da oposición galega. 

Para Gómez-Reino é "fundamental que haxa un consenso entre as forzas políticas con representación parlamentar" a respecto dos comicios e, desta maneira, salientou que todas están a actuar "con total lealdade". 

"Temos que actuar decididamente neste escenario", sostivo, para engadir que é "imprescindíbel" reforzar "medios técnicos e humanos na asistencia telefónica" e "medios humanos e técnicos no que ten que ver coa diagnose dos casos de coronavirus do noso país". 

Segundo trasladou, na xuntanza entre os líderes políticos galegos falaron das medidas a adoptar "no ámbito económico e social, onde o Goberno galego afortunadamente ten competencias". "Para que ningunha familia galega, Pyme, traballador ou traballadora sexa quen pague esta crise", salientou. 

Así, o tamén líder de Podemos Galicia, refiriuse a poñer un freo nas execucións hipotecarias, a garantir as prestacións da Risga, e a cobertura para as autónomas. Tamén propuxo que se debe empregar o Igape como apoio ás empresas e que non se pode perder de vista a violencia machista, cun reforzo de medios "para estar atentos a casos" que se poden dar nestes momentos de confinamento social. 

"Estamos de acordo en que todas as propostas a respecto do coronavirus e das medidas sociais e económicas se dean co consenso de todas as forzas políticas", apuntou Gómez-Reino, quen manifestou que despois de cada conferencia de presidentes dos diferentes territorios do Estado, "si ou si",  vai haber unha reunión do conxunto de portavoves da oposición galega. 

Neste sentido, avanzou que está pendente "activar de forma clara o control ao Goberno e os mecanismos da Deputación Permanente", pois o Parlamento galego está a mínimos pola disolución unha vez iniciado o proceso de eleccións. 

"Hai consenso en que o fundamental é combater o coronavirus e hai que adiar as eleccións do 5 de abril", insistiu Gómez-Reino, que se mantén en corentena na Coruña. "Onte fíxoseme a proba, levo en corentena desde a quinta feira ao mediodía con algúns síntomas de malestar e febrícula, como moitas galegas. Aínda non me deron o resultado, toca esperar e manter a corentena como corresponde", explicou

Para a coalición Galicia en Común-Anova-Mareas é fundamental o consenso sobre a data electoral. "Vamos paso a paso. Agora temos un consenso claro: non hai que escatimar recursos na loita contra o coronavirus. As eleccións non se poden celebrar o 5 de abril, como defende o sentido común de toda a cidadanía. Temos que acabar de formular como se ten que estabelecer este mecanismo. O propio presidente da Xunta vainos facer chegar un informe xurídico e mañá, con esa proposta de Feixoo, o resto de grupos teremos que tomar decisións", resumiu. 

"Estamos entrando nun espazo que non está reglado e hai cuestións como o voto por correo xa emitido nas que son importantes a posición da Xunta Electoral e dos servizos xurídicos da Xunta", agregou para incidir en que "sexa cal sexa o mecanismo para reanudar as eleccións, cremos que ten que ser por consenso".

Preguntado sobre os últimos sucesos na Casa Real española, Gómez-Reino lembrou esta segunda feira que o seu partido xa presentou "unha petición de comisión de investigación" desta institución no Congreso das Deputadas e reiterou que "ten quen haber explicacións e total claridade sobre esas hipotéticas irregularidades económicas no marco da Casa Real".

Comentarios