Galicia en Común apela aos “socialistas de corazón” que apoiaban a coalición

As candidatas de Galicia en Común ao Congreso participaron nun acto na Coruña xunto ao aspirante ao Goberno de Unidas Podemos, Pablo Iglesias. Pediron o voto aos socialistas decepcionados co PSOE e a Sánchez que aclare con quen quere pactar.
O secretario xeral de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, xunto ás candidatas ao Congreso de Galicia en Común nun acto na Coruña [Imaxe: Europa Press]
photo_camera O secretario xeral de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, xunto ás candidatas ao Congreso de Galicia en Común nun acto na Coruña [Imaxe: Europa Press]

As candidatas de Galicia en Común ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, Pontevedra, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez “Pam”, Ourense, David Bruzos, por Lugo, Vanessa Somoza, arrouparon este domingo pola mañá un acto do secretario xeral de Unidas Podemos e candidato á presidencia do Goberno, Pablo Iglesias. Ante 1.500 persoas Iglesias demandou ao PSOE que aclarase a súa postura respecto aos pactos e lembrou que Galiza tamén sufre un conflito territorial, coa situación do seu tecido produtivo, industrial e social.

No acto Iglesias apelou a que non só Catalunya sostén un “conflito territorial”, senón que tamén Galiza está a vivilo coa situación do seu tecido produtivo, industria e social”. Ademais foron varias as alusións que fixo ás votantes do PSOE “decepcionadas” coas decisións do partido. Iglesias anunciou que no debate do luns preguntará ao resto de aspirantes con quen están dispostos a pactar tras o 10-N. "As dereitas téñeno claro, pero cando decimos a Pedro Sánchez que se comprometa en campaña a non chegar a un acordo con PP ou Ciudadanos non é claro. Sería decente que os electores socialistas saiban se vai buscar o acordo coa dereita ou non, para sabelo antes de votar", proclamou.

O aspirante ao Goberno asegurou que a xente do PSOE está a favor “de intervir o mercado do aluguer, derrogar a reforma laboral ou obrigar aos bancos a devolver o rescate de 60.000 millóns”.A candidata por Pontevedra, Yolanda Díaz, presentada como a “pasionaria galega” por Antón Gómez-Reino, dirixiuse aos “socialistas de corazón” que non perderon a esperanza “e queren un goberno de coalición PSOE e Unidas Podemos”. “Non están de acordo coa mochila austríaca, con que non se derrogue a reforma laboral”, aseverou a de Narón.

Iglesias acusou a Pedro Sánchez de optar a unha repetición electoral “antes que a un Goberno con Unidas Podemos”, seguindo as preferencias de “Ana Patricia Botín, o Círculo de Empresarios e a CEOE”. Antón Gómez-Reino amosou desconfianza pola “credibilidade” de Pedro Sánchez despois de que este negase a posibilidade dunha coalición co Partido Popular. “Como crer unha persoa que dixo que derrogaría a Lei Mordaza e non o fixo?”, demandou. O candidato pola Coruña chamou a responder cunha “mobilización histórica” á irresponsabilidade “histórica” que, di, supón a repetición electoral.

Tanto Gómez-Reino como Díaz apelaron a concentrar o voto en Galicia en Común para “garantir” que Galiza “estea no Goberno”, dando solución á “xente que non se pode render, como os traballadores de Alcoa, Isowat, Poligal, o sector primario ou as mulleres”.

Comentarios