Política

Galicia en Común-Anova reclama Feixoo un plan con "axudas a crédito cero" para o sector agrícola

A coalición aposta por abrir "un debate inaprazábel" sobre o modelo galego de residencias cando finalice a crise do coronavirus.

Eva Solla, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega (Galicia en Común).
photo_camera Eva Solla, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega (Galicia en Común).

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, trasladará á Xunta unha batería de propostas destinadas a levantar "un escudo social" para as familias que viven do sector primario. Entre elas, está "un plan específico de apoio económico" que inclúa "axudas a crédito cero" para o ámbito agrogandeiro.

Nunha rolda de prensa 'online' ofrecida este sábado, Gómez-Reino agradeceu "a toda a xente" que traballa durante o estado de alarma, non só aos profesionais sanitarios senón ao sector primario galego, "que está a dar exemplo de conciencia cívica" garantindo o abastecemento da poboación.

Neste sentido, asegurou que Galicia en Común-Anova Mareas (plataforma creada por Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipalistas para concorrer ás eleccións, aínda sen data tras a cancelación do 5 de abril) incide "no imprescindíbel" que é que a Galiza teña "soberanía alimentaria".

Por iso, con esta batería de propostas Gómez-Reino insta a Xunta a "exercer as súas competencias" e articular ese plan específico "de apoio" ao sector con axudas con "créditos a tipos de interese cero" para manter os ingresos e o emprego das actividades afectadas pola crise.

Sector pesqueiro

Ademais, o voceiro da coalición dixo que é "fundamental" suspender a actividade marisqueira, tanto a pé como a flote, xa que actualmente "os seus produtos non están a saír", e dotar de axudas directas tamén a confrarías.

No mesmo ámbito da pesca, Gómez-Reino pide á Xunta que faga "unha demanda clara á Unión Europea" para que as cotas de capturas "non trasladadas este ano" 2020 se apracen, "baixo criterios técnicos e de sustentabilidade", ao ano 2021.

Así mesmo, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas considera que é "absolutamente fundamental que haxa unha priorización de compra pública de alimentos de produtos locais" naqueles sectores "que se están vendo prexudicados" pola crise do coronavirus.

Tamén considera que se debe "autorizar a apertura dos mercados de proximidade", aínda que coas axeitadas "condicións de hixiene", así como autorizar os desprazamentos cara a hortas, granxas e currais aínda que a persona non estea dada de alta no réxime agrario.

"É imprescindible que todo este abano de medidas se poña en marcha xa", urxiu Gómez-Reino, quen tamén avanzou que llas trasladará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na próxima videoconferencia que abra coas principais forzas políticas galegas.

Reunións con Feixoo

Estas reunións, que se realizaron até en tres ocasiones (dous delas coincidindo coas periódicas reunións entre presidentes territoriais e Pedro Sánchez), non se producen desde hai dúas semanas. "A semana pasada nin sequera nos citou", criticou Gómez-Reino, para seguidamente admitir que aínda non hai nova data a pesar de que "o compromiso" do líder galego "era reunirse todos os domingos".

"Se estamos a presentar tantas propostas ao señor Feixoo e á Xunta é porque vemos que o Goberno galego non exerce como debería as súas funcións para exercer á cidadanía galega", engadiu.

As residencias, un problema de "modelo"

Preguntado sobre a actuación da Administración galega nas residencias da terceira idade, onde xa se rexistran máis de 700 casos de coronavirus entre usuarios e traballadores, expresou a súa "preocupación".

Neste sentido, apuntou que esta situación "pon de relevo que hai un problema co modelo" levado a cabo polo PP, xa que, segundo os seus datos, o 70 por cento dos xeriátricos de Galicia pertencen ao ámbito privado.

"Xa hai semanas dixemos, e dixémosllo a Feixoo nunha reunión, que tiña que haber unha medicalización inmediata do conxunto das residencias do país", abordou, á vez que lamentou que "non haxa unha intervención pública decidida". "Despois, cando pase todo isto, creo que é evidente que hai que dar un debate inaprazable sobre o modelo", resolveu.

Comentarios