Galicia en Común-Anova-Mareas suspende a precampaña e o candidato ponse en "autocuarentena"

Antón Gómez-Reino iniciou esta quinta feira unha corentena preventiva polo coronavirus, despois das recomendacións sanitarias.
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (Europa Press).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla (Europa Press).

O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, iniciou esta quinta feira unha corentena preventiva polo coronavirus, despois das recomendacións sanitarias e do grupo parlamentar nas Cortes do Estado.

Ademais, a coalición electoral decidiu, nunha reunión na tarde desta quinta feira, suspender todos os actos de precampaña previstos, do mesmo xeito que anunciaron xa PP, BNG e Ciudadanos. A coalición pretende "limitar ao máximo o número de xuntanzas presenciais, potenciando as videoconferencias e o teletraballo".

Gómez-Reino escribiu no seu perfil de Twitter que "non" ten "síntomas" da enfermidade de coronavirus. O candidato de Galicia en Común estivo en días pasados, ademais, de viaxe en Arxentina.

"A pesar de non ter síntomas, póñome ao dispor dos profesionais da sanidade pública. É tempo de calma, de apoiar o seu traballo exemplar e poñer en valor a conciencia cívica do país", apuntou no seu perfil desta rede social.

Esta quinta feira, o portavoz de Unidas Podemos-En Comú-Galicia en Común no Congreso, Pablo Echenique, pediu a todas as deputadas do seu grupo parlamentar que adopten medidas de "autocuarentena e teletraballo" para atender ás recomendacións das autoridades sanitarias diante o avance do coronavirus.

Comentarios