Política

Galicia en Común-Anova Mareas quere que a Xunta ordene a fabricación de equipos de protección

Antón Gómez-Reino sinala que "é absolutamente imprescindíbel que a Xunta ordene a fabricación destes elementos" ás empresas galegas que teñan capacidade para producilos. 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, exixiu esta segunda feira o "reparto inmediato das 500.000 máscaras protectoras que o Goberno galego mantén aínda almacenadas e sen distribuír".

Ao tempo, Gómez-Reino apremiou á Xunta a realizar coa "máxima urxencia" as xestións precisas para que as plantas industriais galegas, que teñan capacidade, inicien a fabricación no país dos equipos de protección individuais e as máscaras que se precisen para loitar contra a pandemia da COVID-19. 

Para o candidato da coalición "é absolutamente imprescindíbel que a Xunta ordene a fabricación destes elementos". "Sobre todo tendo en conta que, segundo coñecimos onte, Galiza ten unicamente medio millón de máscaras en stock", agregou após a reunión mantida o domingo á tarde co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e co resto de voceiras das forzas políticas galegas para abordar a crise social, económica e sanitaria derivada do aumento de contaxios por coronavirus.

A coalición tamén propón a posta en marcha dos procesos necesarios para a fabricación doutros equipos e compoñentes sanitarios, como "respiradores" e "produtos para a desinfección do persoal e das instalacións", sempre en coordinación co Ministerio de Sanidade. 

Esas máscaras e eses equipos deberían poñerse a disposición, de maneira inmediata, do conxunto das profesionais da sanidade, das persoas que se atopan en grupos de risco e das Administracións competentes para que cheguen a quen máis as precisan", salientou Gómez-Reino, que centrou a prioridade nas residencias de maiores, nos centros de día e de menores, nas persoas dependentes e en aqueles colectivos especialmente vulnerábeis como as persoas sen fogar. 

Estamos nunha situación extraordinaria que demanda medidas extraordinarias na que actuamos con total lealdade institucional. A mesma que lle demandamos ao Executivo de Feixoo”, agregou o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas.

Da mesma maneira, o candidato da coalición trasladou o recoñecemento e o aplauso colectivo ao persoal da sanidade pública "que vén de lograr unha pequena vitoria cargada de esperanza nunha longa loita contra a COVID-19 ao dar a alta médica ao primeiro paciente afectado polo coronavirus na Galiza". 

Comentarios