Política

Galicia en Común afirma que Feixoo converteu a CRTVG nunha "maquinaria de propaganda"

Antón Gómez-Reino reclama unha Corporación da Radio Televisión de Galiza (CRTVG) "autónoma, independente e rigorosa que cumpra a súa función de informar con neutralidade e pluralidade á cidadanía galega".
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).
photo_camera Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).

"Hoxe fanse 100 venres negros nos que as traballadoras da CRTVG levan manifestándose desde hai máis de dous anos pola liberdade de expresión, contra a manipulación informativa e contra as represalias que sofren as compañeiras e compañeiros que se opoñen a esa maquinaria de propaganda que o Goberno galego ten querido construír cos medios públicos". 

Antón Gómez-Reino, portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, defendeu esta sexta feira a necesidade de que a Xunta "deixe de manipular" os medios públicos galegos "en favor dos intereses electorais do Partido Popular, do Goberno da Xunta e do seu presidente, Alberto Núñez Feixoo". 

Así mesmo, reclamou unha Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) "autónoma, independente e rigorosa que cumpra a súa función de informar con neutralidade e pluralidade á cidadanía galega", como pide o colectivo Defende a Galega

Neste sentido, puxo como exemplo "o silencio informativo" decretado pola CRTVG fronte ás denuncias de Galicia en Común sobre o retraso no cobro da prestación de desemprego que están a padecer miles de traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal, cuxa tramitación corresponde á Xunta e que veñen de ser adiados. "O tratamento dese asunto na Televisión de Galicia foi cero minutos. Por que non teñen dereito os galegos e as galegas a dispoñer desa información para formarse unha opinión sobre asuntos esenciais que lles afectan?", evidenciou. 

Servizo público

"Hai que dicilo", remarcou, "a liberdade de expresión non pertence a ningún Goberno, a ningún partido, a ningún editor nin a ningún grupo de comunicación. Pertence ao conxunto da cidadanía. Unha televisión pública non ten que ser nin de esquerdas nin de dereitas, nin do Goberno nin da oposición. Ten que ser un servizo público ao servizo da cidadanía".

A coalición manifestou o seu apoio ás profesionais do sector dos medios de comunicación "que tamén están arriscando a súa saúde saíndo as rúas e o día a día coas súas familias para manternos informados". En particular, Gómez-Reino manifestou a súa solidariedade coas traballadoras de empresas xornalísticas galegas, "que están a padecer expedientes de regulación de emprego ou situacións laborais difíciles, como as do Faro de Vigo, La Opinión, El Progreso, El Correo GallegoLa Voz de Galicia, entre outros".

Comentarios