O galego Alfonso Gómez xa é o novo alcalde de Xenebra

O rexedor recibiu mostras de apoio desde a Galiza.

Alfonso Gómez, alcalde de Xenebra, en Suíza. (Foto: Cedida)
photo_camera Alfonso Gómez, alcalde de Xenebra, en Suíza. (Foto: Cedida)

O galego Alfonso Gómez, nacido na parroquia de Corme, en Ponteceso (comarca de Bergantiños), hai 63 anos, tomou esta cuarta feira posesión como alcalde da cidade suíza de Xenebra.

No acto de investidura estivo presente a deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, en representación da formación nacionalista. Miranda describiu Gómez como un home “comprometido co medio ambiente, cos dereitos humanos e coa xustiza social”.

Tamén con motivo da súa investidura, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través do seu presidente, Alberto Varela, envioulle unha carta de felicitación.

Na misiva, Alberto Varela destaca a transcendencia do nomeamento e investidura de Alfonso Gómez, integrante dos Verdes, para os concellos galegos e para a cidadanía en xeral, dunha cidade como Xenebra tan importante para a emigración galega.

Tamén vincula a investidura desta cuarta feira coas investiduras das Alcaldías que van decorrer o próximo 17 de xuño, sendo Alfonso Gómez o primeiro "alcalde galego" investido nesta quenda, e desexoulle éxito na súa xestión, como a todos os alcaldes e alcaldesas galegas que van ser investidas.

A carta finaliza cunha invitación para asistir á XI Asemblea da Fegamp, que decorrerá en novembro, e a manter un encontro no que "poder coñecer a situación das políticas públicas en Xenebra e Suíza e as principais preocupacións e retos dos concellos galegos".

Ademais, a través do seu perfil da rede social Twitter, a líder do BNG, Ana Pontón, felicitou ao novo alcalde de Xenebra, ao que definiu como un "galego de lei". "Galego de lei, orgullo fillo de emigrantes, estou convencida de que fará un gran traballo desde a súa xenerosidade, formación e talante político de progreso", sinala Pontón na súa mensaxe.

Comentarios