Gabriel Rufián: "Está de moda ser facha e isto é un fracaso moi grande"

O portavoz de ERC no Congreso das Deputadas, Gabriel Rufián, visitou Galiza esta fin de semana. O sábado estivo en Lugo, presentando o seu libro: 'El 15M facha. Ideas para un futuro en disputa' e o domingo en Santiago, nun coloquio coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. En conversa con Nós Diario, o político catalán reivindicou o carácter democrático do 1 de outubro e un tempo novo para retomar a vía política "no canto de falar de xuíces e policía".
Gabriel Rufian (Foto: L.B.)
photo_camera Gabriel Rufian (Foto: L.B.)

A manifestación deste domingo en Colón logrará meter presión ao PSOE e retrasar os indultos?

Creo que a situación cambiou moito con respecto a hai uns anos. O PSOE naquel momento acovardouse fronte á ultradereita que se manifestaba en Colón. Eu creo que hoxe mudaron cousas, Ciudadanos non existe, o PP acudiu cun perfil baixo e, ao final, deveu nunha especie de manifestación fascista pura e dura de Vox, unha sorte de narcosala na que se reparte metadona da mala ao fascismo. Nesa praza, non porque queira senón porque está obrigado, o PSOE vai aguantar os seus actuais posicionamentos.

Por que o aval de Junqueras aos indultos?

Nego a maior. Junqueras escribiu nunha carta o mesmo que ERC leva dicindo os últimos anos, case o independentismo na súa globalidade. Nós presentámonos ás eleccións xerais cunha proposta de amnistía que nos fixo gañar. Parécenos que é a mellor opción, limpar o taboleiro. Mais, como tamén dixemos moitas veces, non nos imos opoñer a calquera iniciativa política. Esa é a boa noticia, a política, que é o político o que está por paliar a dor da xente que temos no cárcere

Nunca imos mercar o relato de que o 1 de outubro foi un golpe de estado, foi un acto democrático

Cre que, tal como sinalan desde os sectores independentistas, o aval aos indultos pode favorecer o relato de que o conflito catalán estase resolvendo grazas á actuación do Goberno español?

Creo que hai burbullas nas redes ou nalgúns medios dixitais que son minoritarias. Ao final, se realmente os nosos compañeiros e compañeiras saen do cárcere non será a fin de nada, será o inicio dunha vía diferente na que pode imperar a política. Hai moita xente en Catalunya, alcaldes de pequenas poboacións, que están acusados por abrir o colexio electoral aquel día, o 1 de outubro, e tamén hai xente no exilio. Como dicía, é o inicio de moitas cousas, pero non é a fin da nada, así que nós seguiremos. O que si é certo e creo, é que todo o mundo entende que o cambio de discurso do PSOE ou do Goberno é unha aposta por unha forma de facer moi determinada, neste caso, de ERC.

A carta de Junqueras, na que aposta por un referendo pactado co Estado para lograr a independencia, na que di que non ve desexábel a vía unilateral, resta lexitimidade ao referendo do 1 de outubro de 2017?

Non. Hai un exemplo ao que recorreu moito parte do españolismo independentemente da súa ideoloxía, de esquerdas ou dereitas, que ven a dicir algo así como: "Saltastes un semáforo". E claro, cando saltas un semáforo tes que asumir as consecuencias. Ante isto, eu sempre digo: "Imaxina que levas corenta anos esperando a que o semáforo se poña en verde", chega un momento en que o saltas. Eu creo que o 1 de outubro foi a semente dunha morea de cousas. Estou moi orgulloso de que a xente fose votar, que defendese as urnas. Nunca imos mercar o relato de que aquilo foi un golpe de estado ou que foi un desafío a nada, pois foi un acto democrático.

Non se pode proclamar unha república contra 50% da poboación, mais tampouco se pode impor unha autonomía contra 50% da poboación

Lembro aquela noite. Moita xente non tiña pensado votar e outra ía votar que non, e defendeu as urnas, os colexios electorais, porque estaba convencida de que era un acto democrático. Con todo, cando tes a policía pegando nos colexios electorais e a metade dun Goberno, sexa do teu gusto ou non, no cárcere polas súas ideas, a equiparación é inútil. Ante isto, creo que convén reivindicar o 1 de outubro, mais tamén convén reivindicar a realidade, facerse cargo dela. Finalmente, non se pode proclamar unha república contra 50% da poboación, mais tampouco se pode impor unha autonomía contra 50% da poboación, así que estamos na obriga de falar, de facer política.

A mesa de diálogo Generalitat-Goberno español, un compromiso asinado polo PSOE con ERC na investidura de Sánchez, esfumouse durante o estado de alarma e o cese de Quim Torra. Semella que agora se reunirá nos vindeiros días. Que resultado espera dela?

É unha mesa coa que ERC puxo os seus votos -13- e a súa forza parlamentaria ao servizo do país, de Catalunya, da resolución do conflito. Nese espazo, que é consenso xeral da poboación de Catalunya, hai dous Gobernos e catro partidos, cada un deles cos seus tempos, debates internos, filias e fobias.

A boa nova é que, tras a pandemia, cada un deles vaise volver reunir após a conformación do Goberno en Catalunya. O que agardamos é falar, non hai máis. Creo que se abre un tempo no que deixaremos de falar de xuíces e de policía para falar de política. Creo que os indultos son un acto político, pois ó final é unha resolución do Consello de Ministros, non unha sentenza, e iso é bo. Nós imos seguir niso, facendo pedagoxía, posto que hai moita xente neste país que entende que isto se soluciona falando e non pegando.

Hai unha crise económica nada dunha crise sanitaria moi grande e non hai que repetir os mesmos erros do ano 2008

O último CEO catalán daba a ERC unha notábel mellora se houbese unha repetición electoral, despois de que Junts dificultase a investidura de Aragonés durante meses. Terá ERC dificultades para aplicar unha axenda de esquerdas desde o Goberno ó compartilo con Junts?

Teño un amigo que me ten prohibido falar de enquisas, un tal Oriol Junqueras, e enfádase moito. Máis aló da broma, nós cremos que todo o mundo é moi consciente da situación actual, terríbel. Hai unha crise económica nada dunha crise sanitaria moi grande e non hai que repetir os mesmos erros do ano 2008. O Goberno ten que xestionar ese día a día. E niso estamos. Que queira vender maxia que abra unha liña de tarot na tele, mais nós non somos deses.

Cre que a totalidade da poboación é realmente consciente desta realidade?

Creo que si. Hai algo que non reivindicamos moito por parte da esquerda, que é o feito de que non se repitan as solucións de 2008. A miña xeración sufriu moito a crise da estafa daquel ano e creo que agora non se repetiu. Precariedade, exclusión, deixar á xente atrás. A socialdemocracia da esquerda europea é moi consciente de que, de se repetiren os mesmos erros, Abascal e compañía gobernarán e imperarán. 

O galego, como o catalán, está recoñecido como lingua oficial e, con todo, neste país hai unha dereita que vive en contra da súa propia cultura

Na Galiza temos o caso de Feixoo, un presidente que vai en contra da nosa cultura, da nosa lingua e mesmo dos nosos dereitos e faino abertamente gañando as eleccións unha e outra vez. Que hai de lóxico en todo isto?

É un fracaso da esquerda e tamén un fracaso ou unha particularidade da dereita neste país. Na sacrosanta Constitución Española está recoñecido o catalán, igual que o galego, como unha lingua oficial e, con todo, neste país hai unha dereita que vive en contra da súa propia cultura. Ante isto habería que reflexionar: por que alguén dun barrio obreiro vota a Feixoo pensando que é dos seus? Por que unha gacela escoita a un león e lle soa ben?

Cal considera que é motivo do triunfo da dereita sobre a esquerda na actualidade?

Hai unha zapatista moi interesante que ven a dicir que a dereita é como un avión que voa rápido, no que a xente vai cómoda, un avión que pasa polo ceo e non deixa marca. A xente colle avións cada día. En cambio, a esquerda é como unha ferramenta de labrar a terra, difícil de levar, individual, sobre a que hai que investir moito esforzo, mais o seu suco é perecedoiro. É un pouco isto. A xente de esquerdas temos unha compoñente de sufrimento e autoanálise moito maior e precisamos esperanza, un liderado, senón non imos. En cambio, a dereita sempre vai.

Por que a mocidade orienta a súa ideoloxía cada vez máis cara a dereita?

Está de moda ser facha e isto é un fracaso moi grande porque a mocidade, se non é de esquerdas, non é. Hai uns oito anos, entre a xente moza estaba de moda ser independentista, mais agora está de moda ser facha e isto é un problema. Os medios de comunicación fan moitoneste sentido, e non é por ser pesado, porque sei que tamén hai un xornalismo moi decente e crítico, pero o mass media é moi complicado de contrarrestar e explica moitas cousas. 

Está de moda ser facha e este é un fracaso moi grande porque a mocidade, se non é de esquerdas, non é

Como se atopa na Galiza? Cal é a súa relación co BNG?

Temos unha relación histórica que vén xa desde Joan Tardà, unha relación de irmandade. No caso de Ana, compartimos xeración e compartimos causa. Eu coñecina en Madrid, na gravación dun programa, e a verdade é que me cativou. Xunto coa esquerda abertzale soberanista vasca, a xente que está aquí facendo política na Galiza e nós, creo que podemos conformar un horizonte de cambio que logre que moita xente, que non sexa independentista ou soberanista mais teña unha sensibilidade progresista, poida achegarse a nós. Ana Pontón e mais eu podemos aglutinar ese espazo. Esta fin de semana estivemos en Lugo e en Santiago facendo coloquios e marchamos encantados da vida. Volveremos!

Comentarios