Gabanza do espectáculo

Non teño nada contra o espectáculo como representación. É instrutivo. Pode ser ameno. A política claro que ten que ver co espectáculo, porque implica unha posta en escena, unha interacción co público. Aí entra o maior ou menor talento escénico, a maior ou menor impostura. Mellor hoxe non te dediques á política se non coñeces algunhas técnicas digamos teatrais, no bon sentido da palabra (se é que ten algún malo). O único que pido ao espectáculo é que o guión sexa bon e que non me tomen o pelo.

mitin Marea
photo_camera Foto de @mareatlantica


Cando compras un billete para ver un filme ou unha obra de teatro falo coa esperanza de que te emocionen. Se vas a un mitin vas tamén un pouco coa mesma disposición de ánimo. Agardas sintonizar cun discurso, si, mais tamén cobizas electricidade, vibracións, algunha bolboreta no estómago. Que che falen desde o corazón. Conseguir iso -transmitir ideas e emocionar á vez, seducir, conquistar- é o supremo talento político.

Despois están as modas, claro, e a maior ou menor sobre-exposición mediática, a conversión de personaxes políticos en celebridades, que son imáns para as masas, enchen os palacios como as estrelas de rock os estadios. Si, falo de Pablo Iglesias, claro, non son un extra-terrestre, e vin a entrevista de Pepa Bueno este domingo. “Con las chicas también salías a ganar?”, perguntoulle, more or less, falo de cor. “Con las chicas salía a querer”, contestou.

Espectáculo. Crónica rosa. A xente tende a buscar algo co que ilusionarse. Iso é así.

Non condeno o espectáculo e até admiro cando está tecnicamente ben feito, mais, talvez pola miña formación xornalística, sempre tendo a reparar máis na letra -o guión- do que no intérprete -o actor, disimulando.

Nós precisamos outro espectáculo, até o noso star system, e un texto pensado en Galiza e para Galiza.

E que dicermos do guión do espectáculo chamado Nova Política? Pois é dunha perfección técnica inmaculada, que para iso os seus artífices son profesores do ramo. Indo de non políticos, os novo políticos son animais absolutamente políticos, tanto que non din nada que non teñan perfeitamente calculado e milimetrado. Niso Pablo Iglesias ou Albert Rivera son unhas máquinas. Sopesan cada frase. Fabrican titulares. Imposíbel apañalos nun renuncio.

OK. Mais hai filmes tecnicamente irreprochábeis e que logo non acaban de funcionar porque se lles ve de máis as suturas e o cálculo, o oportunismo grouchiano de ir mudando de principios en función das vagas demoscópicas e de que se abra esta xanela de oportunidade e se feche aqueloutra.

Pablo Iglesias again: xa non está no anguitismo de asimilar PP con PSOE, xa concibe o acordo co PSOE, ex casta. Xa non está no bolivarismo, xa non está con Monedero, está na ocupación da socialdemocracia.

Comercialmente é un espectáculo potente, unha boa blockbuster (“Pepa, el debate que lo petaría sería el mío con Rajoy”, dixo algo así no sofá con Bueno) e as forzas políticas propias deste país -ou sexa, o nacionalismo- farían ben en tomar apuntamentos de como traballa a competencia española en determinados aspectos.

O guión?? Iso é outra historia. O de Iglesias é un guión pensado en España e para España. España pode vestirse de guay e de cool, mais évos igual España. Nós precisamos outro espectáculo, até o noso star system, e un texto pensado en Galiza e para Galiza. Escusa vir ninguén de fóra a nos dicer como temos que colocar os móbeis no escenario.

Comentarios