XAVIER VENCE, PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

“O futuro do BNG escríbeo a militancia”

Vence asegurou que decidirán “o alcance, a profundidade e o ritmo” do proceso de “refundación” da organización frontista. 

VENCE ROLDA PRENSA3
photo_camera [Imaxe BNG]

En comparecencia de imprensa Xavier Vence explicou o calendario e os eixos centrais que compoñen o relatorio da XV asemblea nacional do BNG cuxo lema será, avanzou, Autoorganización, autogoberno e autodeterminación.

Neste senso, o portavoz nacional do BNG asegurou que será “a militancia quen vai decidir co seu voto o futuro do proxecto nacionalista que encarna o BNG” através do seu voto “individual”. Aliás, acrecentou, serán as persoas filiadas á organización frontista as que determinen “o alcance, profundidade e o ritmo” do proceso de “refundación”.

Destarte, os eixos arredor dos que xirará o debate serán a reforma organizativa, a renovación e posta ao día do discurso e o propio calendario do proceso. Estes asuntos fan parte do relatorio aprobado polo Consello Nacional do Bloque xunto cos votos particulares formulados por algunha das persoas que integran o máximo órgao entre asembleas do BNG.

O lema da asemblea será Autoorganización, autogoberno e autodeterminación

A respeito do ritmo a militancia do BNG deberá determinar, sinalou Vence, se o proceso de refundación “debe facerse ao longo dun ano ou concluír antes do verán tendo en conta as eleccións autonómicas”.

“Todos e todas temos o convencemento de que Galiza precisa un proxecto nacionalista precisa mudanzas”, dixo Vence.

Até a asemblea nacional que terá lugar o 28 de febreiro no Palexco da Coruña as persoas que desexen participar deberán inscribirse antes do 15 de febreiro. Aliás, as candidaturas para a escolla dos órgaos de dirección da organización frontista remata o 22 de febreiro.

Comentarios