A funcionaria que obtivo trato de favor da valedora xulga "inxusta" a sentenza

María Puy Fraga é a irmá do portavoz do grupo parlamentar do PP.

photo_camera A valedora terá de comparecer no pleno do Parlamento

A funcionaria que, segundo unha sentenza do TSXG, obtivo a praza de xefa de Servizo e Administración de Persoal da Valedoría do Pobo por intercesión da titular desta institución enviou esta segunda feira un comunicado á imprensa en que carga contra a resolución xudicial.

De acordo co tribunal, María Puy Fraga teríase beneficiado dun "desvío de poder" no que tería incorrido Milagros Otero, quen terá agora que comparecer perante o Parlamento para dar conta do asunto. Os grupos da oposición xa teñen anunciado que submeterán á cámara iniciativas para o cesamento da valedora.

A irmá do portavoz do grupo parlamentar do PP pon en cuestión —cunha linguaxe moi coloquial, co uso de expresións tipo "¡Quieto parao Billie! Te pasas de frenada" en alusión ao xuíz—o rigor co que o TSXG produciu a súa sentenza.

Nese sentido, pergunta en que se basea o tribunal para afirmar que no concurso non se avaliou "o resto de candidatos". "Eu duns maxistrados agardo rigor, mais a min me deben vostés unha desculpa e respeito polo meu traballo", afirma.

Na misiva, non oculta o seu parentesco co portavoz do grupo parlamentar do PP: "Nunca pedí permiso, nen vou comezar a facelo agora, nen a meu pai nen a meu irmán, sobre como levar a miña carreira, incluídas as prazas que pido, cando ou como facer un escrito como este".

Comentarios