'Fronte ao negacionismo, feminismo': a campaña do PSdeG para o 8-M

"O noso é un partido comprometido coa axenda e coa loita feminista e este compromiso demostrouse onde e cando gobernamos", defende a socialista Silvia Fraga.
A socialista Silvia Fraga presentou a campaña esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A socialista Silvia Fraga presentou a campaña esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

'Fronte ao negacionismo, feminismo' é o lema elixido polo PSdeG-PSOE para a súa campaña con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo, unha efeméride pola que tamén presentará diferentes iniciativas para mellorar o servizo prestado nos Centros de Información á Muller (CIM). Así o anunciou esta segunda feira a secretaria de Igualdade do Partido Socialista, Silvia Fraga, quen informou de que representantes da formación asistirán ás manifestacións convocadas polo movemento feminista defendendo unha posición abolicionista de todas as formas de explotación da muller. O secretario xeral, Valentín González Formoso, participará na da Coruña.

Nunha rolda de prensa ofrecida na sede da formación en Santiago de Compostela, Silvia Fraga detallou que a campaña 'Fronte ao negacionismo, feminismo' porá o foco nas "moitas discriminacións e desigualdades" que seguen a sufrir as mulleres polo mero feito de selo. "O noso é un partido comprometido coa axenda e coa loita feminista e este compromiso demostrouse onde e cando gobernamos", sostivo a socialista, que asegurou que este "compromiso de décadas" ten que ser agora "máis forte que nunca", porque "desde outras formacións políticas están a cuestionarse eses pequenos avances en igualdade". "O PSOE quere destacar fronte a quen negan, vulneran e atacan os dereitos das mulleres", afirmou.

Neste punto, citou algúns exemplos destas desigualdades como a diferenza de remuneración entre os homes e as mulleres na Galiza que, precisou, ascende a 19,1%. Aliás, sinalou que 60% das persoas que reciben o salario mínimo profesional (SMI) son mulleres, que 115.000 mulleres traballan a tempo parcial no país fronte a 35.000 homes ou que as galegas cobran de pensión de xubilación 418 euros menos que os homes.

Tamén incidiu en que por cada tres mulleres hai só un home con redución de xornada, ou que 88% das persoas que pediron unha excedencia por coidado de fillos ao longo de 2021 foron mulleres. A isto engadiu os teitos de cristal como os existentes no ámbito da xustiza e da universidade.

Por último, lembrou que a memoria da Fiscalía Superior da Galiza de 2021 advertiu dun incremento de persoas menores de 16 anos que sufriron violencias sexuais. Ademais, lembrou que desde hai 20 anos contabilízanse os datos de mulleres vítimas da violencia de xénero, que no noso país xa se elevan a 67.

Todo iso, insistiu, motiva "seguir insistindo na necesidade destas políticas de igualdade a pesar dos moitos avances que se produciron". "Todos eles, ou a maioría, da man do PSOE, pero aínda queda moito para alcanzar a igualdade real, polo que non podemos consentir nin aceptar os discursos machistas de quen pretende negar a realidade que acabamos de relatar", apuntou.

Melloras nos CIM

Na súa intervención explicou tamén que o PSdeG presentará iniciativas nos concellos e no Parlamento da Galiza para reclamar melloras nuns Centros de Información á Muller cuxos servizos, a pesar do labor "impecábel" das e dos seus profesionais, presentan "carencias pola sobrecarga de traballo e falta de recursos".

Así, a formación socialista chamou a atención sobre o feito de que non haxa un criterio rigoroso para estabelecer o número de profesionais que ten que haber atendendo ao número de mulleres residentes nunha área xeográfica baixo xurisdición dese centro, feito que, conforme apuntou, motiva que algúns CIM "estean colapsados e outros non teñan tanta carga de traballo".

"No ano 2022 a Xunta subvencionou 84 CIM, algúns deles mancomunados ou a través de agrupacións de concellos. Dese dato resulta que só 193 dos 313 concellos da Galiza teñen acceso a un CIM, o que significa que as mulleres de case 40% do territorio galego non dispoñen deste recurso", censurou, para reclamar incrementar e reformular o financiamento destes centros en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Por último, o PSdeG volverá convocar un ano máis os seus Premios Maruja Vázquez Suárez, que celebrarán a súa cuarta edición após ser recuperados en 2022. O seu obxectivo é recoñecer o traballo que persoas individuais ou colectivos fixeron a favor da igualdade ou da visibilización dunha discriminación por razón de sexo.

Comentarios