Francisco Vázquez: "Foi máis xente ver a Albert Rivera que ao último mítin de Rubalcaba"

O ex-alcalde da Coruña deféndese nunha entrevista das críticas erguidas pola súa asistencia ao mitin de Albert Rivera. 

Vazquez con Rivera
photo_camera Vazquez con Rivera

Francisco Vázquez explica nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia que o levou a participar a pasada fin de semana no mitin de Albert Rivera na Coruña. E é que o ex-alcalde da Coruña e militante do PSdeG-PSOE tomou parte dun acto organizado pola Plataforma 'Movimiento Ciudadano' no que tamén tiña presenza Unión Coruñesa --a marca coa que Ciutadans poderían aterrar na cidade herculina aproveitando o desgaste que os casos de corrupción lle están a xerar ao PP. Mais a súa chegada e un hipotético apoio cidadán podería outorgar unha posibilidade @s populares para se manteren no goberno embora non contaren con maioría

Ciutadans podería aterrar na Galiza para as municipais da man de Unión Coruñesa

Así é que a presenza de Francisco Vázquez espertou malestar entre algún sector do PSdeG como a deputada en Cortes españolas, Laura Seara, que mesmo instou a dirección socialista a abrir un expediente ao ex-rexedor. No entanto, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, decidiu deixar pasar o acontecido. 

"O que a algunhas voces do meu partido debería preocuparlles, non é a miña presenza, senón as quiñentas persoas, moitas delas mozas, que asistiron", sinala en conversa co diario coruñés Francisco Vázquez. O embaixador no Vaticano mesmo amosa a súa preocupación polas horas baixas dos líderes socialistas e dise certo de que 'Movimiento Ciudadano' está a ser un fenómeno político. "Foi máis xente ver a Rivera que ao último mítin de Rubalcaba", sinala Vázquez, "e iso é preocupante". 

Vázquez defende "o debate ideolóxico" no PSOE e di que o discurso de Rivera é "valente" e "novo"

Neste senso, o ex-alcalde non oculta a súa simpatía polo discurso "novo" e "valente" de Rivera, como o cualifica na entrevista. Para Francisco Vázquez a súa ideoloxía casa nalgúns aspectos coa proposta do de Ciutadans mais asegura que "nunca" pensou en abandonar as filas socialistas como semellaba apuntar a súa presenza no acto da pasada fin de semana. 

"É un fenómeno a observar, e aliás de poder ir a onde me dea a gaña, por iso asistín á charla", explica, "eu non mudei. A miña definición é moi sinxela: españolista, socialdemócrata e católico" e así era o partido que conquistou as eleccións e pilotou (...) a Transición". Mais na actualidade, di, "os actuais dirixentes están afastando o partido da súa estrutura histórica e ideolóxica" polo que, di, "en troca de primarias, o que fai falta é debate ideolóxico". 

Comentarios