MUNICIPAIS 2015

Francisco Vázquez continúa a traballar para que Cidadáns se faga cunha praza en María Pita

Novo torpedo do ex alcalde Francisco Vázquez ao PSOE coruñés. Nunha das súas habituais visitas ao plató de VTelevisión, o tamén ex embaixador do Vaticano confesou que as súas simpatías están con Cidadáns e mostrou desdén á candidata Mar Barcón.

vázquez e rivera
photo_camera Rivera e Vázquez, en febreiro de 2014

 

Que Cidadáns se faga cunha praza no mes de Maio nun Palacio de María Pita que se adiviña máis fragmentado que nunca pode acabar sendo a xogada chave no taboleiro coruñés. Neste momento non hai ningún inquérito que lle dea a Negreira a maioría absoluta. A formación conservadora precisaría dun parceiro para gobernar. Aí abriríanse dúas opcións: unha primeira sería que o PSOE non se abrise a pactar co resto das forzas da oposición (permitindo na prática un goberno na sombra de grossen koalition), unha segunda sería pactar con formacións de dereita emerxentes, e aí a que aparentemente ten máis potencial é o Cidadáns de Albert Rivera.

Francisco Vázquez está persuadido de que aínda mantén ascendente sobre un sector do eleitorado do PSOE na Coruña. E non dubida en utilizalo para alimentar as opcións de Cidadáns. Este non é un movimento inocente. En 2014, o ex alcalde foi obxecto dos focos mediáticos nun acto no coliseo coruñés con Albert Rivera, mais tamén se deixou ver nun debate organizado pola Unión Coruñesa de Carlos Marcos, a outra opción da dereita local para completar a maioría do PP. A estas alturas, e segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, o máis probábel é que Cidadáns se presente con marca propia na Coruña e, portanto, non o faga da man de Unión Coruñesa. É indubidábel que Vázquez está ao tanto dos acontecimentos e que, entre Cidadáns e UC, aposta na formación que lidera o deputado do Parlament catalán.

Vázquez xa non é militante do PSOE. Pagou a súa última cota o 12 de Decembro de 2012

En VTelevisión, Vázquez foi interpelado directamente a respeito de se apoiaba Mar Barcón, a candidata do PSdeG-PSOE e membro do goberno municipal que el liderou en María Pita. O ex embaixador no Vaticano e falllido candidato a Defensor do Pobo, respondeu con calculado desdén: "Eu tería gostado doutro candidato", dixo. E logo esclareceu quen: González Laxe, ex presidente da Xunta e home de José Blanco, actual eurodeputado socialista ao que algunhas fontes sitúan aínda con ambicións de xogar a partida na liga galega.

Vázquez xa non é militante do PSOE. Pagou a súa última cota o 12 de Decembro de 2012. "Non pago a cota, mais continúo a militar no meu corazón nun PSOE comprometido coa Constitución. Son outros os que deixaron a un lado o espazo político do PSOE".

Do seu ponto de vista, o herdeiro dese PSOE constitucionalista sería Cidadáns: "Son os únicos que están a dicer que defenden a Constitución, a transición e a unidade de España, son os únicos que o din con clareza".

Negreira, o alcalde coruñés, olla estes movimentos de Vázquez con absoluta simpatía.

Comentarios