Francisco Rodríguez négase a demitir malia estar imputado por delitos graves

O BNG abandonará o goberno municipal de Ourense se o alcalde socialista non renunciar. Tamén o PSdeG estaría matinando exixir a saída do seu rexedor. De manter a negativa producirase unha crise de goberno que deixaría o alcalde en minoría.
Pachi Vázquez podería exixir a dimisión de Francisco Rodríguez
photo_camera Pachi Vázquez podería exixir a dimisión de Francisco Rodríguez como alcalde de Ourense

Francisco Rodríguez xa está en liberdade. Despois de máis de 70 horas privado de liberdade tras ser detido dentro da operación “Pokemon”, o alcalde socialista abandonaba os xulgados pasada a unha da madrugada deste domingo, baixo fianza de 6.000€. A xuíza Pilar de Lara impútalle a Rodríguez delitos graves, prevaricación e suborno.

Na súa declaración que se prolongou por espazo de tres horas, Rodríguez negou ter recibido subornos da concesionaria municipal da ORA e da limpeza dos edificios municipais de Ourense. A xuíza tamén interrogou o alcalde a respecto do servizo da grúa municipal.

Segundo transcendeu das declaracións de varios representantes de Vendex, estes terían recoñecido regalar un reloxo de alta xoiería ao primeiro edil. Francisco Rodríguez negou rotundamente tal extremo. “Nunca recibín un reloxo de ouro como regalo” sentenciou.

O interrogatorio ao que foi sometido tivo como base varios tomos de documentación, en que se recollen as transcricións das escoitas policiais practicadas --entre outros-- ao teléfono do alcalde durante os últimos oito meses. Nelas figurarían conversas das cales se podería deducir intercambio de favores entre o alcalde e empresas. Precisamente, un dos aspectos que se estaría abordar no caso “Pokemon” é que os presuntos favores, en forma de contratos, se compensaban con diñeiro e tamén con outro tipo de obsequios.

Á saída do xulgado de Francisco Rodríguez, agardábano concelleir@s do grupo socialista de Ourense e a súa muller. Rodríguez recoñeceu estar canso, porén manifesotu confiar plenamente na xustiza”.

Tamén compareceron en sede xudicial os responsábeis de Vendex, A.C. e J.M.T que xa sairon en liberdade –o segundo tivo que satisfacer unha fianza de 4.000€--. Ambos os dous resultaron imputados. A xuíza enviou a prisión a G.R.R.A., administrador do grupo Vendex e responsábel do servizo de ORA en Madrid. Impútalle cargos de falsidade documental, prevaricación e tráfico de influencias.

Pasadas ás seis da tarde do domingo comparecía perante Pilar de Lara o expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e exconcelleiro do PSOE en Lugo, Francisco Fernández Liñares. Segundo apuntan diversas informacións Fernández Liñares sería xunto a Francisco Rodríguez os principais encausados. A ambos os dous atribúeselles o papel de “mediadores” na trama de corrupción.

Francisco Rodríguez négase a demitir e proclama a súa inocencia

Pouco antes das 21h do domingo o aínda alcalde comparecía publicamente en conferencia de prensa desde o concello. Francisco Rodríguez proclamou ser inocente de todos os cargos polos que está imputado e cargou contra o proceso xudicial na súa contra, que cualificou de “inxusto e desproprocionado”. Rodríguez asegurou que fará públicas as súas contas e propiedades. Despois de agradecer os apoios recibidos o rexedor anunciou que non demitirá e continuará no cargo.

O BNG abandonará o goberno de Ourense se o alcalde non demitir

O Consello Local do BNG de Ourense, reunido este domingo con urxencia, decidiu solicitar a demisión de Francisco Rodríguez como alcalde. @s nacionalistas xa comunicaran previamente ao grupo municipal socialista que no caso de resultar imputado, como finalmente foi, Rodríguez debería abandonar o cargo. Saída que demandan para non danar a institución e para non interferir no exercicio do dereito de defensa do socialista.

No Bloque confían en que a renuncia se produza. Mais advirten que de non materializarse “actuarían en consecuencia”, abandonando o goberno, xa que lles resultaría “por principios” incompatíbel serguir a facer parte del estando dirixido por unha persoa “cunha imputación grave”.

Despois desa advertencia, a negativa de Rodríguez a deixar o cargo podería abrir unha crise de goberno, o que podería deixar o alcalde en minoría no pleno. Preguntado por este extremo o alcalde non se manifestou preocupado e mesmo fixo mención a que Abel Caballero tamén goberna en minoría en Vigo, despois de que o BNG decidise non repetir a coalición da lexislatura anterior.

O PSdeG pediralle a Francisco Rodríguez que abandone a alcaldía

No Partido Socialista estarían agardando tamén que Rodríguez anuncie a súa renuncia. Se non é por propia vontade sería o propio partido quen llo exixa o que podería facer recapacitar ao primeiro edil.

O anuncio de onte à noite sentou mal nun PSdeG que quere evitar sufrir máis desgaste polo caso “Pokemon” en plena precampaña do 21-O, despois de que o propio Pachi Vázquez recoñecese que están “sufrindo con maiúsculas” a detención do rexedor ourensán.

Pola súa banda, o Partido Popular non emitiu até o de agora ningunha reacción despois de se confirmar a imputación do alcalde de Boqueixón, o popular Adolfo Gacio.

Comentarios