Francisco García dá paso a Cristina Cid ao fronte da Alcaldía de Allariz

En 2015 xa anunciara que este ía ser o seu último mandato. Cumpre agora o seu compromiso -a un ano da nova cita eleitoral- e entrega o relevo a Cristina Cid, concelleira de Promoción Económica. "O meu compromiso con Allariz continúa intacto. Póñome á orde de Cristina e dunha equipa de goberno magnífica", afirma en declaracións a Sermos Galiza.

Francisco García
photo_camera Francisco García

Francisco García vai comparecer esta sexta feira en conferencia de imprensa ás 12 horas para anunciar a súa decisión, a de que pon fin ao seu mandato como alcalde de Allariz, cargo ao que accedeu en 2000, cando tomou o relevo a Anxo Quintana. "Ninguén pode dubidar do meu compromiso con esta corporación. Son concelleiro desde 1983. Fun tenente de alcalde desde 1989 a 2000 e alcalde desde 2000 até hoxe", di. García deixará a acta de concelleiro. "É o coherente. É tempo de renovación. Mais eu vou estar ás ordes da alcaldesa, e voulle prestar toda a colaboración no traspaso dos asuntos que fican pendentes", di.

O pleno de renuncia de García vai ter lugar o próximo 15 de xullo, en tanto que o de investidura de Cristina Cid decorrerá o día 21. Cid recebeu xa o apoio -"por aclamación", precisa o aínda alcalde- do consello local, a asemblea local e o consello comarcal do BNG. "O proceso de relevo é un pouco como facemos as cousas en Allariz. Sen liortas, con absoluto consenso, nun ambiente de unanimidade e con moita xenerosidade humana por todas as partes. É algo do que me sinto lexitimamente orgulloso. Eu asumín un compromiso porque acredito en que a renovación é positiva cando hai relevos potentes e un leva moito tempo no cargo", afirma.

Aos seus 61 anos, Francisco García voltará á súa praza de secretario interventor -estaba en excedencia por cargo público- no concello de A Mezquita, gobernado agora tamén polo BNG. "Era o momento de me reintegrar tamén á miña profisión", explica.

Cristina Cid -enfatiza García- é a persoa adecuada para continuar a desenvolver o labor político que levou ao concello de Allariz a ser unha referencia na Galiza e mesmo no estado. "Desde a área de Promoción Económica, puxo en prácticas políticas exitosas que entre outras cousas se traduciron en que sexamos un dos poucos concellos galegos que medrou en populación nos últimos anos", subliña.

O relevo vaise producir a un ano vista de que se comemore, no verán de 2019, os "30 anos da Revolta de Allariz", un movimento cívico que acabou coa primacía da dereita no concello e "puxo a institución ao servizo do pobo". "En Allariz o proceso estratéxico de reflexión coas veciñas e os veciños, a participación popular na cousa pública, é o que nos distinguiu durante estes 30 anos e iso, estou certo, vai continuar a ser así no futuro", conclúe.

Comentarios