Francisco García aprecia ventos de cambio en Ourense

O cabeza de lista da candidatura do BNG ao Congreso advirte do "cabreo" e do "desencanto de moita xente" na presentación das listas pola circunscrición xunto a Ana Pontón, a portavoz nacional do Bloque, e deputadas e concelleiras nacionalistas.
Presentación das listas do BNG por Ourense. [Imaxe: BNG]
photo_camera Presentación das listas do BNG por Ourense. [Imaxe: BNG]

“A provincia está con ventos de cambio, é posible porque hai un escenario aberto, está claro o retroceso do PP na provincia e desde Ourense o BNG quere tamén contribuír a ese cambio, a esa transformación sabendo que o voto ao Bloque ten un dobre valor, o compromiso coas liberdades, cos traballadores, co feminismo, un valor de compromiso social desde a esquerda pero tamén un valor de defensa de país”, salientou Francisco García, ex alcalde de Allariz e xa candidato (como número 2) na convocatoria de 2016.

Infraestruturas ferroviarias, rematar co tarifazo de Renfe e darlle unha solución a San Francisco, activar sectores económicos e o traspaso da confederación hidrográfica son as prioridades das nacionalistas, segundo lembrou Ana Pontón, quen asegurou que "Francisco García non vai ir a Madrid para estar calado senón para defender un futuro diferente para Ourense”, empezando por poñer na axenda esas cuestións. 

Pontón destacou a capacidade da formación nacionalista “para sumar e conseguir apoios desde a diversidade”. “Pensamos que isto é unha boa nova nun momento en que vemos como prima a división, se impoñen os egos e os intereses partidistas. Neste contexto, o BNG está demostrando que poñemos por diante os intereses deste país e, neste sentido, queremos agradecer que nesta cita electoral haxa outras forzas como CxG que se suman e piden o voto para a candidatura do Bloque”.

Francisco García afronta esta campaña “con ilusión, entusiasmo e co interese de facer valer un programa que quere buscar solucións para as cuestións máis urxentes desta provincia e para combater a ineficacia das forzas estatais”, da que da boa mostra, dixo, a situación do museo arqueolóxico, próximo ao lugar elixido para a presentación desta quinta feira.

Ana Pontón rematará mañá en Lugo a presentación de todas as candidatas nacionalistas para os comicios do 10-N.

Comentarios