ANÁLISE

A fragmentación política chega aos concellos

A oferta electoral multiplícase de cara aos vindeiros comicios electorais do 26 de maio, confirmando unha tendencia que xa se fixera presente no proceso celebrado hai catro anos. Malia todo, PP, PSOE e BNG mantéñense como as forzas políticas con máis candidaturas no escenario galego. Eis un extracto da análise, publicada no número 344 do semanario en papel Sermos Galiza.

[Imaxe: SG] Unha persoa vota nun colexio local de Cerceda.
photo_camera [Imaxe: SG] Unha persoa vota nun colexio local de Cerceda.

mini_polO PP será a única forza política con presenza na totalidade das localidades galegas. Os populares, como vén acontecendo tradicionalmente, comparecerán coas súas candidaturas nos 313 concellos galegos, nunha mostra da súa potencia orgánica. Así as cousas, o partido de Feixoo comparecerá como opción exclusiva en Vilarmaior, aparecendo como o outro competidor noutras 39 localidades onde só concorren dúas listas. 

Porén as debilidades do PP evidenciáronse tanto nos espazos urbanos e vilegos como en determinados núcleos rurais das circunscricións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, onde o Partido Popular atopou máis dificultades das habituais para conformar as súas candidaturas, precisando botar man nuns casos de candidatos de fóra do concello e noutros, de persoas de escaso relevo social e tirón electoral. Algúns cadros veteranos dos diversos aparatos provinciais dos populares non dubidan en afirmar que “este partido xa non é o que era”.


O PSOE concorrerá en 303 concellos galegos. Os socialistas, con tres candidaturas máis que en 2015, fan pleno na circunscrición de Lugo, e non presentan lista en Agolada, Boqueixón, Curtis, Dozón, Moeche, Mondariz-Balneario, Vilariño de Conso, Vilarmaior, Vilasantar e Zas. As fontes do partido consultadas por Sermos Galiza non dubidan en ligar este avanzo na posición dos socialistas “co aumento da sintonía co PSOE que se está dando en todo o Estado pero tamén cos nosos gobernos en tres das catro deputacións, que nos permitiron introducirnos naqueles concellos rurais onde tradicionalmente tiñamos máis dificultades”. Así e todo, a grande preocupación dos socialistas está na súa capacidade por recuperar posicións nas cidades de Ferrol, Compostela e A Coruña, onde no actual mandato ocuparon espazos de mínimos.

As candidaturas promovidas nas circunscricións de Lugo e Ourense por dirixentes escindidos do PSOE amosan un alcance moi limitado. Así, a alternativa presentada na circunscrición de Lugo baixo a marca de “Galicia Sempre”, impulsada polo alcalde de Becerreá e antigo portavoz socialista na deputación provincial, Manuel Martínez, fica limitada aos concellos de Becerreá, Sarria, Burela, Meira e Lugo, o que imposibilita na práctica o seu obxectivo de volver á corporación provincial polo partido xudicial da capital. 

Outro tanto acontece coa formación promovida polo antigo secretario xeral dos socialistas galegos e home forte do partido en Ourense, Pachi Vazquez, cuxas siglas “Espazo Común” fican moi lonxe das vinte candidaturas anunciadas nun primeiro momento, concorrendo finalmente en perto dunha ducia de concellos das comarcas de Ourense e do Carballiño. Alén dos resultados electorais definitivos, a maioría das fontes coinciden en sinalar que rematarán por favorecer as opcións do PP na loita polas deputacións de Lugo e Ourense.

O BNG presenta candidaturas en 245 localidades. A organización nacionalista concorrerá na práctica totalidade dos concellos das circunscricións coruñesas e pontevedresas, coa excepción de 11 localidades do rural, onde ficaron os maiores baleiros nas áreas luguesas e ourensás, onde o Bloque Nacionalista Galego deixa sen cubrir 17 e 40 concellos respectivamente. Malia todo, desde esta formación, que tamén se presenta nas entidades menores (Arcos da Condesa, Bembrive, Berán, Camposancos, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Reis, Queimadelos e Vilasobroso), valoran moi positivamente o proceso de conformación das súas candidaturas, onde conseguiron, nas súas palabras, testar a onda de simpatía á mesma, acreditada, segundo estas fontes, na importante renovación xeracional levada adiante, así como na incorporación de persoas que tiñan abandonado a organización en anteriores procesos.

[Podes ler a análise íntegra no número 344 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios