"Fraga tomou decisións que atentaron contra a vida das persoas, sería incoherente apoiarmos unha rúa co seu nome"

O voceiro municipal do BNG, Antón Bao, explica as razóns que levaron ao seu grupo a rexeitar unha rúa para Manuel Fraga en Lugo. "Foi un ministro franquista", asegura o nacionalista, sería "quitar un para pór outro". 

Antón Bao, tenente alcale de Lugo
photo_camera Antón Bao, voceiro municipal do BNG no concello de Lugo

O Concello de Lugo prepárase para borrar do seu rueiro os nomes franquistas. A comisión de traballo encargada de implementar estas mudanzas --resultado dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG o pasado mes de outubro-- encetou a súa tarefa non exenta de polémica. 

Embora decorrer con normalidade e mesmo con consenso o labor de supresión da pegada fascista do rueiro lugués, o Partido Popular propuxo que unha das rúas leve por nome a Manuel Fraga. Desde o BNG, rexeitaron de maneira taxativa a proposta porque, din, "sería quitar un [fascista] para pór outro". Conversamos con Antón Bao, portavoz municipal da organización frontista en Lugo sobre as razóns do seu rexeitamento a unha rúa para o que foi durante décadas presidente do Partido Popular. 

O BNG impulsou a moción lexislativa que deu orixe á comisión de traballo para mudar os nomes franquistas do rueiro

Que está a acontecer co rueiro de Lugo?
Desde o BNG hai tempo que estamos a traballar a prol da eliminación dos nomes relacionados coa ditadura franquista das rúas da cidade. Xa no goberno, elaboramos un informe no que se recompilaban e hai tres meses --no pleno do 7 de outubro-- presentamos unha moción para iniciar ese cambio. Unha moción que foi aprobada por unanimidade de todas as forzas con representación no Concello. Neste senso, constituíuse unha comisión de traballo que debía dar cumprimento a ese acordo. Na proposta presentada polo goberno municipal aparecían 8 rúas ás que nós engadimos a Avenida Ramón Ferreiro e que foi aceptada. Após ir propondo os nomes novos [entre os que se atopan persoeiros como Pousa Antelo, Díaz Pardo, Peña Novo --impulsor do Partido Galeguista e secretario do Concello de Lugo-- ou os Mártires de Carral] o problema saltou na última rúa cando o PP propuxo unha para Manuel Fraga. 

"Seriamos incoherentes se aceptasemos esa proposta cando defendemos a supresión dos nomes do franquismo"

Cal foi o conflito?
Para a nosa sorpresa o alcalde apoiou a proposta do Partido Popular. Pola nosa banda, desde o BNG opuxémonos porque Manuel Fraga foi ministro franquista. Un ministro que asemade tomou decisións que atentaron contra a vida das persoas e aumentaron a represión do réxime. Seriamos incoherentes se aceptasemos esa proposta cando defendemos a supresión do rueiro daqueles nomes vencellados ao franquismo. Aliás, valoramos positivamente como se estaba a desenvolver o traballo até ese punto. 

Como actuou o PSdeG?
Non sei se esta é unha posición do PSOE en Galiza. É do alcalde. Orozco chegou a recoñecer que non todos os militantes do seu partido concordarían coa súa postura e de feito coido que darán liberdade de voto aos concelleiros. Mais moito me temo que onde vai o alcalde irán os concelleiros. Após ese Congreso onde quixeron dar un verniz de esquerda ao partido, vailles caer a rosa en Lugo [di de brincadeira]. 

"As decisións de Fraga incrementaron a represión. Sería cambiar un [franquista] por outro"

Defenden algún nome alternativo desde o BNG?
Había algúns nomes aínda pendentes na proposta, mais non facemos causa de ningún deles agás que nos opomos a que a rúa sexa para Manuel Fraga. Hai moitas propostas que serían aceptábeis como a de Martínez Novo ou a de Fuxan os Ventos. 

E que dixo o Partido Popular?
O PP non dixo nada. Non lle fixo falta, sendo que o alcalde xa defendeu a súa proposta. 

Con estas mudanzas fica algunha outra rúa por mudar?
No noso informe contemplabamos todas as rúas agás que alguén con maiores coñecementos históricos poida informar dalgunha outra. Mais con estas estarían todas e borraríanse do mapa de Lugo todas as rúas con nomes franquistas. Até que decidiron quitar un para pór outro. [Afirma en relación á rúa Manuel Fraga]. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios