Fracasa no Congreso español a reforma da Lei mordaza

Ione Belarra sinala que o PSOE podería ter posposto a comisión
Vista da comisión de Interior do Congreso de Deputados, hoxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista da comisión de Interior do Congreso de Deputados, hoxe. (Foto: Nós Diario)

A reforma da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como Lei mordaza, aprobada polo Goberno de Mariano Raxoi, fracasou hoxe ao PSOE non chegar a un acordo con ERC e EH Bildu na comisión de Interior do Congreso dos Deputados. Así, seguirá en vigor o texto aprobado polo PP en 2015.

ERC xa avisara de que votaría en contra da reforma de non haber un acordo en relación a catro puntos concretos. Os republicanos, así como EH Bildu, que teñen presenza nesta comisión, repetiron que están en contra das pelotas de goma como material antidisturbio, do rexeitamento de persoas migrantes nas fronteiras, así como das sancións por faltas de respecto ou desobediencia á autoridade. 

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou en rolda de prensa que PSOE e Podemos se negasen a "derrogar os aspectos centrais da lei, aqueles que precisamente foron máis criticados polo conxunto da sociedade porque vulneran dereitos cívicos, dereitos democráticos e liberdades públicas". Así, Rego sostivo que "a non derrogación da Lei mordaza é un exemplo máis dos compromisos incumpridos polo Goberno español".

Pola súa parte, a deputada de ERC María Carvalho sostivo que "ERC non pode asumir unha reforma que queda curtísima".

O deputado de EH Bildu Jon Iñarritu engadiu que xa avisara de que, "se non se desactivaban as partes máis lesivas, estarían en contra dunha lei edulcorada".

Pola súa parte, a ministra de Dereitos Sociais e líder de Podemos, Ione Belarra, criticou a postura "fechada" do PSOE ao non derrogar a Lei mordaza. Nesta liña, Belarra asegurou que se "buscou o choque" xa que, na súa opinión, era posíbel "pospor" a comisión "ao igual que se fixera noutras ocasións" nas que non se chegara a un acordo.

Desta forma, responsabilizou o PSOE de "forzar" a reunión do órgano parlamentario para que fracasase a reforma desta lei creada polo Executivo de Mariano Raxoi.

Comentarios