A FPG realiza o seu Congreso Nacional baixo o lema “Na esquerda, pola fronte ampla”

Será o sábado , 5 de outubro, en Cangas. A xornada finalizará cun acto polo 25 aniversario da fundación da Frente Popular .

FPG

A Frente Popular Galega (FPG) elixiu como lema para o seu Congreso Nacional o de “Na esquerda, pola fronte ampla”. A cita vai ser en Cangas do Morrazo este sábado, de 10:00 a 18:00 horas. A organización enmarca este congreso como unha “ferramenta que a nosa militancia ten para definir e trazar as principais posicións políticas do noso partido para os próximos anos”. O contexto nacional e internacional “ocuparán boa parte do debate” xunto con cuestións da organización interna.

A FPG aposta por “acumulación de forzas na esquerda e no soberanismo”

“Estamos seguras de que este Congreso servirá para reforzar a nosa organización e que nos dotará das coordenadas para afondar na nosa aposta por unha Fronte Ampla de Unidade Popular, coa vista posta no reforzamento dos acordos de máximos e na acumulación de forzas na esquerda e no soberanismo”.

Avances

No seu anterior Congreso, o VI, que se realizou en Redondela en outubro de 2011 baixo o lema “Alternativa comunista”, a Frente Popular Galega analizara as condicións "para a construción dun proxecto de liberación nacional, de xénero e de clase nas actuais condicións de crise sistémica capitalista e agravamento da opresión colonial española".

A FPG naceu en 1988 concebida, nunha primeira etapa, como unha fronte na que estaban PCLN, Galicia Ceibe,...

Afirmaba a Frente que nos diversos relatorios aprobados naquel entón xa se incidía "na necesidade de participar naqueles proxectos encamiñados a unha acumulación das forzas de esquerda e soberanistas para mellor enfrontar os desafíos crecentes".

Un cuarto de século

Finalizado o CN decorrerá, tamén en Cangas, un acto aberto de conmemoración dos 25 anos de existencia desta organización. Naceu en 1988, confluíndo nela nun principio o Partido Comunista de Libración Nacional, Galiza Ceive e colectivos nacionalistas de Vigo, Compostela ou Ferrol.

Comentarios