A FPG chega dividida ao seu Congreso

Militantes de base da Frente Popular Galega (FPG) temen estar ás portas dun “congreso de ruptura”. A cita desenvolverase este 30 de maio en Vigo. 

Xosé Luis Méndez Ferrín e outros membros da FPG, nun acto promovido por este partido en 2019 en Vigo, en homenaxe a Moncho Reboiras (Foto: @FPG_Galiza)
photo_camera Xosé Luis Méndez Ferrín e outros membros da FPG, nun acto en 2019 en Vigo, en homenaxe a Moncho Reboiras (Foto: @FPG_Galiza)

O risco de ruptura rodea a cita congresual que a Frente Popular Galega (FPG) realizará en Vigo este domingo 30 de maio. Prevese que dúas candidaturas rivalicen pola dirección do partido e a correlación de forzas está moi igualada. “É unha incógnita o que poida acontecer”, sinalan varios membros da Frente a este xornal, externos á dirección mais favorábeis ao sector "oficial".

A cerna do conflito está na estratexia en relación a Anova e á unidade popular, así como no papel que a propia FPG ten que xogar como partido tanto dentro de suxeitos políticos como externamente.

Na parte oficial -é a maioritaria no actual comité central- encádranse históricos como Xosé Luis Méndez Ferrín, ademais das e dos edís en Vigo, A Coruña e Ferrol. Oriana Méndez, membro do central e concelleira en Vigo, sinala a Nós Diario que confía en que haxa acordo e se chegue a unha lista de consenso.

Na outra parte están membros procedentes na súa maioría da militancia xuvenil e que abandonaron o pasado xaneiro Xeira -organización xuvenil da FPG- pese a ficaren no partido. “Non merece a pena manter unha organización morta politicamente e dividida internamente”, iniciaba un documento en relación a esta entidade xuvenil asinado por 52 mozas e mozos e ao que tivo acceso este xornal, titulado Fin dunha Xeira.

Agora, de cara ao congreso da FPG, a parte crítica, procedente na súa maioría destes membros que abandonaron Xeira (mais tamén un membro hostórico como Xan Carballo, antigo líder sindicar e ex secretario xeral da INTG), formulou emendas á tese política oficial, que ten a ver co futuro da relación coa Anova e as mareas. Así, por unha banda a liña oficial defende unha reconfiguración do espazo Anova, mais en alianza cos mesmos suxeitos que até o de agora: “O proxecto Anova, como fronte de masas, precisa dunha fonda revisión inmediata do seu horizonte estratéxico e de intervención social para se converter nunha ferramenta útil ao cambio político que precisa Galiza”, di a tese oficial.

Porén, os críticos apuntan nunha das súas emendas, ás que accedeu este diario: “O instrumento Anova foi desmantelado por completo. A reconstrución dunha ferramenta política capaz de executar este tipo de tarefas resulta de vital importancia”.

Pese á literalidade do texto da emenda dos críticos, varias militantes de base afíns á dirección actual afirman a Nós Diario que os críticos "aproveitan esta emenda" para formular a ruptura con Anova ou suxeitos semellantes que a substitúan "para que así a FPG emprenda un camiño en solitario”. Desde a parte critica rexeitaron facer declaracións a este xornal sobre o Congreso nin as emendas presentadas.

Aliás, na súa emenda, o sector crítico carga contra a dirección exercida no partido nos últimos anos. “O partido experimentou durante a década de 2011-2020 un proceso de descomposición froito da desatención á súa vida interna, á renuncia a fomentar reflexións estratéxicas no seu seo e ao deficiente traballo ideolóxico realizado tanto no interno como no externo”.

Consideran tamén que “a ausencia dunha dirección consciente na xestión do ciclo de loita derivou nunha constante entrada de debates xurdidos nas frontes de masas na vida partidaria. A dinámica espontánea máis propicia para os debates de tipo parlamentarista non foi confrontada coa racionalidade que debe caracterizar a dirección política consciente e o estilo de discusión leninista. O partido viuse inundado polas liñas de pensamento cultivadas no seu exterior, sendo empregado como un escenario máis para diferentes escaramuzas. O partido foi, en moitos momentos, unha forza política dirixida no canto de dirixente. A consecuencia disto, moitos debates nas frontes de masas derivaron en saídas individuais e colectivas de militantes ao longo de todo o período considerado”.

Con todo, ningunha das partes cuestionan a continuidade da FPG, se ben é certo que estas militantes de base sinalan a Nós Diario que o consenso “é case imposíbel” e que seguramente sexa un congreso de ruptura. Aínda que membros do central insisten en que hai marxe para o consenso e esperan que sexa un congreso de unidade e que non se produza a ruptura.  

Comentarios