Jorge Verstrynge, un dos ideólogos de Podemos

"Se fose catalán, votaría o 1-O e faríao polo non"

Jorge Verstrynge, profesor da Complutense e un dos ideólogos de Podemos, afirma que, no caso de ser catalán, o 1-O iría votar e faríao polo non. Porén, sobrancea que, sexa como for, o referendo será unha vitoria do pobo catalán.

 

JorgeVerstrynge
photo_camera [Imaxe: Davit Ruiz/Nació Digital]

Nunha entrevista concedida ao dixital catalán NacióDigital, Verstrynge asegura que, de ser catalán, no referendo votaría que non. "Eu votaría que non. Pero por egoísmo persoal. Non quero que me deixen só”, afirma. O ideólogo de Podemos móstrase, porén, a favor de que se leve a cabo o referendo.

Jorge Verstrynge -secretario xeral do AP na época de Fraga como líder estatal do partido e desde hai uns anos na órbita da esquerda estatal- cre que o goberno español empregará todos os instrumentos ao seu alcance para tentar frear o procés. O profesor da Complutense móstrase preocupado polos posíbeis resultados e consecuencias pero non polo referendo en si, do que afirma que será un éxito para o pobo catalán en calquera caso.

Verstrynge sostén, alén do máis, que o tema catalán “non ten solución fóra dunha confederación” e que esta é a súa proposta. O politólogo salienta que unha confederación podería ser a saída e non unha federación xa que na primeira prevalecen as leis dos estados membros, é dicir, hai un maior nível de autogoberno.

Comentarios