BNG, Sinn Féin, ERC, EH Bildu, UDB, Ecolo

Forzas soberanistas de seis pobos europeos subscreben na Coruña unha declaración conxunta contra CETA e TTIP

 ‘Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio’ está apoiado por BNG, EH Bildu, ERC, Sinn Féin, a UDB bretoa e Ecolo (Valonia). Declaran que eses tratados benefician grandes corporacións en detrimento dos pobos, os traballadores e o medio ambiente. A declaración deuse a coñecer no marco dun congreso internacional organziado pola Fundación Galiza Sempre e o centro Maurits Coppieters.

BNG declaración soberanista

Forzas soberanistas e de esquerdas de diferentes pobos de Europa deron a coñecer este sábado, 1 de xullo, na Coruña a declaración ‘Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio’, un documento no que rexeitan CETA e TTIP e alertan dos seus prexuízos sobre os pobos e as maiorías sociais. BNG (Galiza), EH Bildu (Euskal Herria), ERC (Catalunya), Sinn Féin (Irlanda), UDB (Bretaña) e Ecolo (Valonia) poñen a súa sinatura nunha declaración na que se afirma que “os acordos de Organización Mundial do Comercio e os Tratados de Libre Comercio negociados tamén pola Unión Europea responden a unha lóxica contraria aos intereses das nacións sen estado”.

Estes tratados de libre comercio, salientan, pon a alfombra vermella a “corporacións transnacionais e conglomerados financeiros” para acrecentar un “control económico” que vai contra os pobos, os traballadores e o medio ambiente. A democracia e a soberanía fican, dise no documento, supeditados a un “fanatismo economicista” que implica “destrución dos nosos recursos” e un “retroceso inédito nos nosos dereitos laborais, sociais, ambientais e culturais”.

O “dogma” do libre comercio, -recolle a declaración-, deixa como realidade incuestionable “o enriquecemento dos máis ricos e o correlativo empobrecemento de todos os demais que conformamos a humanidade, desde a realidade plural e diversa dos nosos pobos”.

Contrapoder

Fronte a este escenario, as seis forzas asinantes manifestan a súa vontade de colaborar e traballar para a “formación dun contrapoder” a este modelo económico e avogan “por unhas relacións comerciais internacionais xustas, baseadas no beneficio mutuo e cimentadas na aposta democrática do dereito a decidir dos Pobos, en que o comercio non sexa considerado un fin en si mesmo senón un medio para que os nosos Pobos poidan vivir dos seus recursos, garantindo o benestar social co seu uso equitativo, responsábel e sustentábel”.

A declaración dáse a coñecer no marco do Congreso Internacional que este sábado decorre na Coruña, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Centre Mautits Coppieters’, para debater e analizar o impacto dos TLC sobre os pobos de Europa. 

Comentarios