As forzas políticas galegas, dividas diante do discurso de Felipe VI

O monarca non se referiu á Galiza durante a súa intervención de Nadal
Discurso de Nadal de Felipe VI (Europa Press).
photo_camera Discurso de Nadal de Felipe VI (Europa Press).

As forzas políticas galegas fixeron unha valoración diferente do discurso de Nadal de Felipe VI. Mentres o Bloque Nacionalista Galego e Galiza en Común fixeron unha avaliación crítica da intervención do monarca, socialistas e populares recibiron positivamente as súas palabras, manifestando as súas coincidencias coas palabras do rei. Neste sentido, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, destacou nas súas redes sociais que Felipe VI é “un rei con todos e para todos, símbolo da unidade e a estabilidade que tanto necesita España” e aplaudiu as súas declaracións de “atoparnos na constitución e os seus valores". 

O Partido Popular na Galiza, a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, cualificou de “valente” o discurso pronunciado e destacou “a proximidade da súa mensaxe e a súa especial sensibilidade cara á situación que vive España, tanto no eido sanitario como no socioeconómico”. “Igual que os cidadáns estiveron á altura da complexa situación vivida en 2020, tamén a Súa Maxestade o estivo á hora de escoller as palabras para dirixirse aos españois”, sinalou Tellado, quen considerou que “puido ser o discurso máis difícil na vida de Felipe VI no ano máis difícil da historia recente de España”. 

A defensa fechada da Constitución de 1978 por parte de Felipe VI foi un dos aspectos máis destacados polos populares galegos. Tellado valorizou “a presenza dun exemplar da Constitución española na escenografía escollida polo rei” e celebrou que “fronte a un Goberno dividido que anhela unha España dividida, nós compartimos a unidade que garante a Carta Magna que nos demos entre todos os españois, cando a altura de miras dos representantes políticos era moito maior que a que existe hoxe no Consello de Ministros”.

A corrupción da Casa Real

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, avaliou en nome da forza nacionalista as palabras de Felipe VI. Así, criticou que non se desmarcase con máis claridade dos “graves e reiterados escándalos de Juan Carlos de Borbón, que hai que lembrar que implican outros membros da familia, incluído o actual xefe do Estado” e sinalou que “isto lembra os discursos anteriores do propio Juan Carlos de Borbón en que dicía que a xustiza é igual para todos”.

Rego apuntou que “Felipe de Borbón perdeu unha oportunidade de desmarcarse dos propósitos golpistas de grupos de altos mandos militares que no último mes lle dirixiron diversas cartas ameazando os dereitos, a democracia e os cidadáns e cidadás”. “Neste caso faise bo o dito de que quen cala, outorga”, aseverou o portavoz nacionalista, quen considerou a apelación á Constitución do monarca de “chamado desesperado a salvar unha monarquía anacrónica e corrupta”. 

“É preciso para avanzar en dereitos, en liberdades e en benestar, romper con esta monarquía española anacrónica; e seguir un camiño diferente, que pasa por que a Galiza teña capacidade para decidir de forma soberana”, concluíu Rego.

A defensa da Constitución

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou o seu apoio á orientación discurso de Nadal de Felipe VI no referido á crise sanitaria, social e económica derivada da pandemia e asegurou coincidir co monarca na “defensa da Constitución” e na “relevancia da Unión Europea para a reconstrución do país”. O líder dos socialistas cualificou o seu partido como unha formación “comprometida co respecto ao marco constitucional e, polo tanto, coa monarquía parlamentaria en tanto que é o sistema previsto na Constitución”.

Caballero “botou en falla” na intervención do xefe do Estado referencias á exclusión social e unha mención explícita aos efectos da crise no referido á violencia de xénero e á transición ecolóxica. “Son cuestións fundamentais nas que o xefe do Estado podería ter incidido máis”, explicou o máximo responsábel dos socialistas galegos, quen considera que a Constitución pode incorporar “melloras” e que “hai espazos para abordar retos desde o diálogo e o acordo político”.

O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galiza en Común, Antón Gómez-Reino, indicou que coa intervención “Felipe VI demostrou que é pasado. A opacidade e os privilexios herdados non están á altura da sociedade que somos” e valorou que “con este discurso semella que Felipe VI é o principal valedor dunha futura República, ao non apartarse do feito por Juan Carlos e non impulsar a súa volta a España para ser investigado”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios