sábado 16/01/21

As forzas fixan prioridades cara o 20D durante o primeiro día de campaña

Nós Candidatura Galega e En Marea apostaron por achegarse ao campamento do cerco en Santiago de Compostela. O PSdeG reuniuse cos comités de empresa de Alcoa e de Navantia, mentres o PPdeG celebrou un acto en Lugo en apoio a Rajoy.


A campaña electoral botou a andar estas sexta feira após o pistoletazo de saída da pasada madrugada. As formacións que concorren á cita do 20 de decembro celebraron os primeiros actos para sumar apoios cara uns comicios que todas definen como transcendentais. Actos onde definiron os que serán os eixos principais de cada alternativa política no Congreso dos Deputados. 

Nós Candidatura Galega e En Marea apostaron por achegarse ao campamento do cerco en Santiago de Compostela. Pola súa banda, o PSdeG reuniuse cos comités de empresa de Alcoa e de Navantia, mentres o PPdeG celebrou un acto en Lugo. Estas son as principais propostas dos partidos nesta primeira xornada de campaña.

Nós Candidatura Galega  

O leite e a pesca. A candidatura de unidade galega desprazouse a Compostela cun tanque de 200 litros de leite para repartir entre os mariñeiros do cerco, que manteñen unha acampada protesta fronte a sede da Xunta pola falta de cotas de pesca. Nós fixo un chamamento sobre a situación dramática que sofren os sectores produtivos do país, eixo moi presente no seu programa e nas súas candidaturas. O acto organizado foi organizado por Alberte Llamazares, gandeiro de profesión e número dous de Nós por Pontevedra, así Manolo Presas, armador do cerco e candidato pola Coruña. 

“O baixo prezo do leite que se lles impón ao sector gandeiros e a frota amarrada do cerco son exemplos de libro da importancia de ter voz soberana en Madrid”, asegurou durante o mesmo o seu cabeza de lista na Coruña, Carlos Callón. “Estes que vemos hoxe aquí son os problemas reais da xente deste país que non aparecen nin se resolven en escenas de sofá con Bertín Osborne, nin bailando unha yenka nun programa de televisión, nin cantando unha nana guitarra en man nos platós”, denunciou con ironía Callón, en referencia aos líderes das catro principais forzas estatais. Preguntado pola prensa, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, valorou a enquisa do CIS destacando que “un 42% das e dos votantes aínda non teñen decidido o seu voto”.

A candidatura galega tamén fixo campaña en Lugo e Ourense. A número 1 por Lugo, Olalla Rodil, presentou as medidas da formación para apoiar ao comercio local no Mercadiño de Frigsa. Rodil propuxo modificar a lei de comercio aprobada polo PP, que liberaliza os horarios comerciais e –segundo afirmou– pon en perigo o comercio de proximidade e empeora as condicións de traballo. Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, asegurou que “haberá traballo se a xente se xunta, coopera e se imitan modelos que sostibles no plano ecolóxico e no económico”, despois de visitar a cooperativa Postorio, especializada en produtos da horta do país.

En Marea

As cabezas de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, tamén visitaron o campamento do cerco para solidarizarse coas demandas dos mariñeiros galegos. Fernández comprometeuse a defender as reivindicacións do sector pesqueiro que cualificou de “estratéxico para Galicia” e que “nin Feijóo nin Rajoy están a defender como é a súa obriga”.

“Os problemas do cerco non son algo illado senón que está a afectar por igual a outros sectores produtivos e a toda unha xeración que non atopa futuro na nosa terra”, engadiu Rodríguez, que destacou que “máis de mil familias afectadas están a demandar o que tantos outros sectores e persoas demandan: ter un futuro digno no noso país”. No acto estivo presente a eurodeputada de AGE Lidia Senra, que relacionou estas “agresións á pesca galega cun modelo de explotación dos sectores primarios moi agresivo que está a afectar tanto á pesca como á agricultura”. 

Mentres, a número dous da Marea pola Coruña, Yolanda Díaz, participou nun reparto de propaganda no centro da cidade herculina. En declaracións a Europa Press, considerou que a enquisa do CIS "indica que este país está cambiando substancialmente, como consecuencia das políticas de estafa". 

PSdeG

A formación socialista mantivo un encontro na Coruña co persoal de Alcoa como primeiro acto de campaña. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apostou durante o encontro por cambiar o reparto enerxético tras reunirse co comité de empresa da fábrica. “A posición ten que ser global na Unión Europea. O mercado común tamén ten que ter condicións comúns para as persoas que viven en Europa”, afirmou Besteiro sobre o marco tarifario.

O secretario xeral dos socialistas galegos chamou a ter “un goberno que teña forza en Europa”. Besteiro tamén pediu un cambio no “reparto de todo o mapa enerxético de España”, segundo declaracións recollidas pola axencia Europa Press. Esta tarde, a candidatura do PSdeG reuniuse co comité de empresa de Navantia, onde Besteiro asegurou que a súa formación apostará polo naval e polo investimento no sector. 

PPdeG

O Partido Popular celebrou un acto de 'Balance do Goberno de Rajoy con Galicia' no que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que “a mellor garantía de que Galicia siga sendo prioridade do Goberno de España” é a continuidade de Mariano Rajoy como presidente. Feijóo considerou que as eleccións son unha proba para a unidade de España e para “os españois que poñen os intereses de Galicia por detrás dos doutras comunidades”, segundo nota de prensa publicada na web dos populares.

Feijóo dirixiu as súas mensaxes contra as formacións estatais, asegurando que o PP é a “opción que garante a solvencia, o crecemento e a estabilidade” fronte outras opcións que “só destacan na telexenia e no márketing”. O presidente da Xunta incidiu en que “se hoxe estamos mellor que hai catro anos é porque un goberno do PP lle plantou cara á crise”. No acto participou a candidata por Pontevedra e ministra de Fomento, Ana Pastor, que prometeu o AVE en Lugo.
 

comentarios