A forza que acompaña Néstor Rego ao Congreso

O deputado nacionalista recolle a súa acta de deputado xunto a un grupo de representantes do BNG e de colectivos sociais para simbolizar o regreso de Galiza ás Cortes españolas.
Néstor Rego, co grupo que o acompañou esta terza feira no Congreso. (BNG)
photo_camera Néstor Rego, co grupo que o acompañou esta terza feira no Congreso. (BNG)

“Son compañeiras e compañeiros, galegas e galegos, representantes de colectivos sociais que constitúen a forza que trouxo de novo Galiza ao Congreso”, agradeceu Néstor Rego ás dúas ducias de persoas que o acompañaron esta terza feira, 18 de novembro, na formalización do retorno do BNG ás Cortes españolas, catro anos despois de que as nacionalistas perderan a súa voz en Madrid tras as eleccións de decembro de 2015. “Elas e eles van ser a bandeira da actuación do BNG nos próximos tempos nesta institución”, engadiu o deputado ás portas do Congreso diante dun grupo no que se encontraban membros de colectivos veciñais, de emigrantes e cargos institucionais, como o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e orgánicos, como Rubén Cela, xefe da campaña do BNG para o 10-N, e Bieito Lobeira, secretario de Organización do Bloque.

“O BNG defenderá aquí os intereses do país, desde aqueles máis inmediatos que teñen a ver coa crise económica e social que padecemos neste momento até a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, o dereito de autodeterminación e da necesidade da soberanía”, dixo Néstor Rego nun discurso no que insiste estes días para subliñar que o BNG ten a intención de facer parte do debate político que sacude o Estado e situar a Galiza na axenda.

Mais o BNG e Néstor Rego tamén promoverán esa axenda galega no Estado e na que se interpela directamente aos problemas que afectan a algúns dos colectivos que acompañaron este mediodía ao deputado en Madrid.

Decisións en función dos intereses da Galiza

“Estamos en plena crise industrial, e temos que actuar diante do feche anunciado por Endesa e as ameazas sobre toda a industria electrointensivas, pero tamén fronte crise no naval, tanto en Ferrol como en Vigo”, explicou Rego nunha rolda de prensa. “E pensamos que é preciso dar unha solución global a problemas como o elevado prezo da luz a través dunha tarifa eléctrica propia, e reclamaremos a transferencia da AP-9 que ten unhas peaxes abusivas, e tamén pediremos a derrogación de reformas que introduciu o PP e que o PSOE aínda non derrogou, como a reforma laboral, a lei mordaza ou a Lomce”.

Néstor Rego, esta terza feira en Madrid. (BNG)Mais nos medios madrileños o interese que suscita o BNG estes días céntrase en coñecer a postura das nacionalistas a respecto da investidura de Pedro Sánchez como presidente. Despois da reunión da segunda feira con Adriana Lastra, Néstor Rego volveu sinalar hoxe algunhas claves. O BNG é unha forza autónoma e, como tal, adoptará unha decisión sen ter en conta o que decidan outras forzas soberanistas. E, en segundo lugar, o BNG non renunciará á coordinación con esas outras forzas cando se trate de defender os dereitos das nacións sen Estado. “As decisións que tome o BNG estarán en función dos intereses da Galiza”, dixo Rego.

Rego vinculou finalmente as dúas liñas que marcarán a actuación do Bloque no Congreso e insistiu na necesidade de “poder decidir” para acadar un desenvolvemento social, económico e político co fin de poder “mellorar as condicións de vida do conxunto da poboación galega e tamén para defender os dereitos sociais  e os sectores maxinados e prexudicados polas políticas económicas e sociais  que desenvolve o Estado español”, segundo informa o BNG nun comunicado de prensa.

Comentarios