Foro galego proponse "ampliar" as mareas "en chave de país"

No encontro decorrido na Facultade de Xornalismo (Compostela) estiveron presentes Xosé Manuel Beiras (Anova), Chelo Martínez (Cerna) ou Carlos Aymerich, entre outras persoas. 

Forogalego
photo_camera [Imaxe Fuco_Lobam]

Este domingo tivo lugar na Facultade de Xornalismo da USC, en Compostela, un encontro convocado por Foro galego, o espazo impulsado entre outras persoas polo alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, para pular por unha "concentración parcelaria" na política galega de cara ás eleccións ao Parlamento do outono. 

Gostariamos de que todas as organizacións do ámbito nacionalista e do ámbito da esquerda nacional confluísemos

Na xornada estiveron presentes Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova e o deputado de AGE, Antón Sánchez; Chelo Martínez e Mario López Rico (Cerna), Carlos Aymerich e Xesús Veiga (Abrente), entre outras persoas que acordaron empregar este espazo para "ampliar" as mareas de cara aos comicios de outono con "ideas en chave de país". 

O obxectivo é "contribuír a agrandar ese espazo, que é coñecido como espazo das mareas", sinalou en declaracións recollidas por Europa Press, Manuel Antelo. "Gostariamos de que todas as organizacións do ámbito nacionalista e do ámbito da esquerda nacional confluísemos nunha grande candidatura cun programa en común", toda vez que Foro galego, subliñou Antelo, non procura dicir a ninguén "o que ten que facer". 

Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras asegurou que este espazo pode contribuír a "recuperar o deseño do nacionalismo galego". "Non é cuestión de siglas, é cuestión de principios", enfatizou. 

Comentarios