O líder do PSdeG fecha filas coa xestión do Goberno na ponte da A-6

Formoso ve a sanidade galega en situación de “colapso”

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín Formoso, anunciou a creación dun grupo de expertos para dar resposta á problemática na sanidade na Galiza. Asemade cualificou de “colapso” a situación do sistema sanitario no país.

 

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, este sábado en Compostela. (Foto: Europa Press)

Valentín Formoso cargou contra a política sanitaria do Partido Popular na presentación dun comité de expertos impulsado polos socialistas para “construír e achegar solucións” diante do escenario de “shock” e de “colapso” da sanidade na Galiza.

O líder dos socialistas amosouse moi crítico coa política de recortes da Xunta e denunciou unha redución no orzamento de Atención Primaria de 1,9%. Ao tempo, alertou da perda de “976 profesionais médicos e sanitarios no sistema galego dende o ano 2009”

O dirixente do PsdeG manifestou a súa oposición á resposta do Goberno galego diante desta situación. Nesta liña, criticou que “a única resposta da Xunta sexan medidas como incentivar aos facultativos economicamente cunha pequena cantidade”.

Condicións dos sanitarios

“Iso non é o que piden, cando tanto médicos e médicas como enfermeiras e enfermeiros están sobrecargados de traballo”, afirmou Formoso, quen esixiu unha resposta “máis ambiciosa” do Goberno galego.

Formoso demandou “reverter o entorno desmotivador para os profesionais sanitarios” e facer que “a estabilidade laboral sexa unha bandeira”. Asemade, instou a incrementar o orzamento en Atención Primaria.

O secretario xeral do PSdeG advertiu que “a situación cada vez é máis caótica e vaise agravar no verán, cando teñamos afrontar perda de profesionais por vacacións”. “Vai haber un momento de máis estrés no sistema sanitario e o Goberno galego non pode dar a calada por resposta”, asegurou.

Ponte da A-6

O dirixente socialista aproveitou a comparecencia para denunciar a posición de populares e nacionalistas diante da caída da ponte da A-6. Neste liña, afirmou que “non todo vale en política” e criticou que diante do sinistro “como primeira prioridade se estean buscando culpábeis”

Formoso fechou filas coa xestión do Goberno, sinalou que este sinistro “lle pode pasar a calquera” e instou ao resto das forzas do Parlamento da Galiza a non “facerse fotos” e deixar “xa de facer política con isto”.

O líder do PsdeG afirmou que “foi o que foi, un accidente” e criticou ao BNG “aqueles que dicían hai pouco que as autovías eran navalladas na terra e que agora van facerse fotos a elas”.

Comentarios