POLÍTICA

Formoso reivindica o PSdeG como alternativa na Xunta da Galiza

Formoso reivindica o PSdeG como alternativa na Xunta da Galiza

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou este sábado ao Partido Socialista como “alternativa ao Partido Popular” na Galiza.
O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, no Comité Nacional Galego da formación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, no Comité Nacional Galego da formación. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou este sábado ao Partido Socialista como “alternativa ao Partido Popular” na Galiza. “Non nos resignamos”, proclamou na súa intervención co Comité Nacional Galego, onde tamén aproveitou para lanzar unha clara mensaxe a todos e todas as progresistas da Galiza: “Tedes abertas as portas do PSdeG para construir un país con futuro entre todos e todas”.

“Podemos facelo, sabemos facelo e farémolo”, sinalou antes de engadir que estamos “nun momento apaixonante no que ofreceremos proximidade, credibilidade e ilusión á Galiza”. “Para iso”, animou, “precisamos o concurso de todas e todos vós”.

Así, neste “momento apaixonante” pero tamén “crítico que estamos a vivir”, Valentín González Formoso fixo un chamamento a “estar á altura das circunstancias” cun “compromiso en positivo” no que se prioricen “os intereses dos galegos e galegas”.

Acordos urxentes

Con este obxectivo, ás portas da elección do novo presidente da Xunta, o líder socialista anunciou que “é a nosa intención ofrecer un ámbito de acordo no país con tres eixes que consideramos urxentes”. Trátase, en concreto, dos eidos da economía e o emprego, a atención primaria e a protección social para os nosos maiores.

No referente ao primeiro gran acordo, Formoso avogou por acelerar a adaptación do modelo económico galego a unha aposta rigorosa pola innovación e a ciencia até chegar a 3% do PIB.

Do mesmo modo, incidiu na necesidade de que a Galiza co-protagonice, xunto con España, a revolución verde cunha aposta pola enerxía eólica e o hidróxeno. Nesta liña, lembrou o pacto entre o PSdeG e diferentes entidades sindicais e sociais da Galiza para promover o Pacto polas enerxías renovábeis. “A Galiza sabe facelo ben e debe facelo sen complexos, con seguridade en si mesma e priorizando o apoio a proxectos comprometidos co interese xeral e renunciando aos especulativos”, afirmou.

No ámbito da sanidade pública, o secretario xeral do PSdeG propuxo un acordo pola atención primaria, “que está a ser un quebradeiro de cabeza para os galegos e galegas” e que se atopa “nun nivel de deterioro que nunca vimos antes”. Ao fío disto, describiu un escenario con desmoralización dunha poboación envellecida que non ten atención presencial, que é sometida a esperas de 15 días para que che dean unha cita ou escaseza de persoal.

Por último, o terceiro gran acordo que propón o Partido Socialista céntrase na protección social dos nosos maiores, “que son usuarios e usuarias de residencias xestionadas por entidades privadas porque a Xunta non promoveu nin unha soa residencia de xestión pública en 13 anos”.

Formoso subliñou que “este acordo pretende evitar o drama que supuxo durante a pandemia a realidade de abandono, irresponsabilidade e mercantilismo que agromou na xestión das residencias”. “O PSdeG aposta polas residencias de xestión pública directa para os nosos maiores”, enfatizou como alternativa.

“Son tres ámbitos”, defendeu Formoso, “para o acordo urxente e que responden ás preocupacións dunha cidadanía que agarda que o PSdeG recupere o goberno da Xunta para levar a cabo esa Galiza que tanto soñamos”.

Os municipios como base para chegar á Xunta

Neste contexto, puxo de relevo o modelo “que estamos a practicar nas cidades nas que gobernamos -Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago- e que en pouco tempo levaremos a cabo tamén na cidade que reclama dignidade, a cidade de Ourense”. “Comprometémonos con volver a ilusionala dentro dun ano”, anunciou entre aplausos.

De igual xeito, Formoso reivindicou “a política de altura” que está a realizar o PSdeG desde o Goberno en outras máis de cen localidades galegas, e tamén nas que se está na oposición. “Son a nosa forza base política principal e que ningunha outra formación pode expoñer”, lembrou.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios