Formoso proporá a Rueda acordos sobre o modelo económico, sanitario e de protección sociosanitaria

O presidente da Xunta reunirase esta segunda feira coa oposición co ánimo de "falar de todo", escoitar as súas propostas e buscar o seu apoio para propoñer demandas ao Goberno estatal.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na sede da formación en Santiago.
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa na sede da formación en Santiago.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, avanzou este sábado que na reunión prevista para a vindeira segunda feira co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exporá acordos sobre o "modelo económico, o modelo sanitario e o modelo de protección sociosanitaria".

Sanidade

Após a reunión da Comisión Permanente do PSdeG, Formoso sinalou que a Galiza require un modelo sanitario "que afronte de forma urxente o colapso sanitario que afecta a todos os ámbitos". En primeiro lugar, referiuse á Atención Primaria, onde asegurou que proporán que se modifique a Lei de Saúde da Galiza para que calquera usuario poida ter "un ditame mínimo en 48 horas de cal é a súa enfermidade".

Neste ámbito, volveu denunciar o "colapso" das urxencias "con pacientes esperando 48 horas nos corredores até que se lle designa unha habitación" e cunha situación "máis parecida á de Járkov, en Ucraína, que á da Coruña ou á de Vigo".

Ademais, subliñou que "deben facer caso ao mundo sanitario" e a "a revolución interna dos responsábeis de medicina interna do Sergas" para tratar de "modificar a política de contratación laboral ou ir ao tope de convocatorias MIR" e acurtar desta forma os tempos de espera dos pacientes.

Atención sociosanitaria

Formoso anunciou que lle proporá a Rueda "un novo modelo de atención sociosanitaria no ámbito da terceira idade". Así, o líder dos socialistas galegos concretou que as residencias deben aspirar a un "modelo de titularidade pública", onde os postos de dirección os ocupe persoal público.

Indicou, ademais, que promoverán a creación dun corpo de inspectores para que fagan un control das residencias e evitar así "imaxes que se viron na pandemia en moitas residencias privadas nas que as persoas maiores estiveron a sufrir coidados moi deficientes".

Economía

Así mesmo, González Formoso reivindicou un novo modelo económico "que teña en conta a necesidade de reindustrializar a Galiza". Para isto, avanzou que exporán ao presidente da Xunta a creación dunha "axencia enerxética galega" que teña capacidade para "detectar os proxectos estratéxicos que permitan garantir o futuro de Alcoa, Stellantis e todas as empresas galegas que son tractoras en parte do territorio" e que o fagan con "presenza pública" no accionariado deses proxectos.

Nesta mesma liña, asegurou que os socialistas non renunciarán a que a Galiza sexa líder en tecnoloxía relacionada co hidróxeno. "Esta nova tecnoloxía pode garantir a retención de talento de mocidade que quere desenvolver o seu proxecto vital na Galiza. Galiza ten que ser o lugar permanente de vida dos mozos galegos que queren ter unha oportunidade no seu país", recalcou.

Consenso

Anunciadas estas propostas, Formoso manifestou que "se nalgún momento é necesario que as forzas políticas galegas se poñan de acordo, probablemente sexa este". Así, expresou o seu desexo de que oposición e Goberno sexan capaces de chegar a acordos, aínda que lembrou que houbo que esperar a que se marchase Alberto Núñez Feixoo para que "houbese unha oportunidade de sentar a falar dos temas de país".

Comentarios