Formoso pide a gratuidade dos libros de texto e denuncia os recortes no ensino: "Sacrificamos docentes por festas no verán"

A primeira medida que tomará o PSdeG se gaña as eleccións, apuntou o líder socialista, será recuperar esta gratuidade, suprimida após a chegada do PP á Xunta.
O líder socialista, Valentín González Formoso, denunciou os recortes no ensino. (Foto: Europa Press)
photo_camera O líder socialista, Valentín González Formoso, denunciou os recortes no ensino. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, prometeu nesta segunda feira que "a primeira medida que adoptará o Goberno socialista cando chegue á Xunta" será recuperar a gratuidade dos libros de texto, que foi suprimida coa chegada de Alberto Núñez Feixoo ao Executivo galego en 2009.

Nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago, González Formoso alertou da "deterioración" do sistema educativo co PP na Xunta. Por iso, urxiu recuperar a gratuidade dos libros de texto, que supoñen "un custo medio de 1.000 euros por familia" no "peor momento inflacionista da historia". O líder socialista considerou que esta proposta é "perfectamente asumíbel" polo Executivo galego.

De forma paralela, denunciou un recorte dun milleiro de docentes e até 60 unidades educativas neste comezo de curso, con colexios e institutos nos que a matrícula "sobe".

"Unha política de recortes no canto de aforrar o que despois gastamos en concertos do Xacobeo ao longo e ancho de todo o país durante todo o verán", cuestionou. "Sacrificamos profesorado por artistas e por festas durante todo o verán na Galiza", protestou.

Formación Profesional

De tal forma, dixo estar "alarmado" pola radiografía educativa do país. Valorou que o Goberno estatal puxo partidas como 130 millóns adicionais para o ámbito da formación profesional, mais criticou que os recortes da Xunta fan que "30.000 galegas e galegos que querían estudar un ciclo formativo queden fóra do sistema educativo profesional na Galiza". Igualmente, chamou a "un esforzo" no rural no ámbito educativo, sanitario e de transportes para que se manteña a poboación.

Advertiu que co PP na Xunta perdéronse 130.000 habitantes na Galiza, o territorio co "peor comportamento demográfico" do Estado español. "E a resposta do Goberno galego é seguir fechando nestes 14 anos 138 colexios en toda a Galiza", subliñou.

Xunto a isto, expuxo que o Executivo de Alfonso Rueda poderá ofrecer a gratuitade da educación de 0 a 3 anos debido a que a financia o Estado "practicamente na súa totalidade", con 35 millóns de euros.

Comentarios