Formoso lamenta o "desacordo importante" con Rueda en temas "esenciais" como a sanidade

Segundo indicou o secretario xeral dos socialistas galegos, tratouse dun encontro "cordial" pero "non todo o produtivo" que o PSdeG pretendía.
Encontro entre Alfonso Rueda e Valentín González Formoso. (Foto: Arxina)
photo_camera Encontro entre Alfonso Rueda e Valentín González Formoso. (Foto: Arxina)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou a existencia de "puntos de desacordo importantes" na súa reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en ámbitos que, na súa opinión, deben ser "esenciais", como a sanidade.

Formoso destacou que só observou "achegamentos" en cuestións como a necesidade de que o Estado español permita unha maior facilidade para realizar convocatorias extraordinarias de prazas MIR e en materia de fondos europeos.

Así o sinalou o propio secretario xeral do socialistas en declaración aos medios de comunicación, após manter unha reunión de pouco máis dunha hora presidente do Goberno galego.

Trátase do primeiro encontro entre o líder dos socialistas  e o novo presidente do Executivo autonómico desde que ambos asumiron os seus cargos. Ao remate da súa xuntanza, comezou o encontro coa portavoz do BNG, Ana Pontón, como representante da segunda forza do Parlamento galego.

Encontro "cordial"

Segundo indicou Formoso, tratouse dun encontro "cordial" pero "non todo o produtivo" que o PSdeG pretendía.

"O PSdeG presentou propostas en tres ámbitos (sanidade, atención sociosanitaria e economía) que consideramos que deben configurar un novo modelo de país e constatamos que hai unha visión moi distinta da Galiza", sinalou. Así, diferenciou "a do PP", como unha "visión de resignación", da do PSdeG, "unha visión de esperanza do país".

O secretario xeral dos socialistas galegos explicou que, "ante a situación de colapso sanitario, por exemplo, creo que hai puntos que se propoñen no noso modelo sanitario que significan cifras concretas.

"Estamos a falar de igualar 11% de incremento medio estatal de investimento en sanidade, 140 millóns de euros máis no orzamento para 2023, que entendía que nunha situación de colapso sanitario sería aceptado sen molestias", sostivo Formoso, para asegurar que "decepciona excesivamente" tendo en conta que "para os galegos a situación sanitaria" está "por enriba de todo nas súas preocupacións".

Comentarios