Formoso insta Rueda a "dar a cara" pola situación da sanidade pública

O líder do PSdeG afirma que a morte dunha muller no PAC de Baltar, en Sanxenxo, após denegárselle unha ambulancia "constata a nefasta xestión da Xunta".
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nun encontro que mantivo nesta quinta feira con empresarios. (Foto: Torrecilla)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nun encontro que mantivo nesta quinta feira con empresarios. (Foto: Torrecilla)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou nesta quinta feira o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "dar a cara" ante a saturación que están a padecer numerosos centros de saúde do país por mor da non cobertura de baixas e ausencias por vacacións.

Fixo estas declaracións ao fío da morte da muller nun ambulatorio de Sanxenxo após denegárselle unha ambulancia, un feito que, afirmou, "constata a nefasta xestión por parte da Xunta" no eido sanitario.

Así, González Formoso alertou do "problema enorme" que sofre a Atención Primaria, "un problema que afecta todos os galegos en todas as áreas sanitarias". Tamén reprochou á Xunta que alentase "ocorrencias do Concello de Sanxenxo como ofrecer pisos aos médicos".

"Así non se arranxa un problema que é estrutural, de funcionamento do Sergas", recalcou o dirixente socialista, que aludiu á "perda de 976 profesionais no últimos oito anos". "Xa está ben", sentenciou.

O secretario xeral do PSdeG incidiu en que é "imprescindíbel" aumentar os recursos económicos. "Hai 139 millóns de euros menos neste orzamento do que debería ter no ámbito da Sanidade", sinalou, en alusión aos orzamentos da Xunta.

"Hai un problema de recursos, de lista de espera en especialización e en Atención Primaria, algo que non ocorrera na historia deste país", engadiu González Formoso.

En particular sobre o caso de Sanxenxo, que cualificou de "grave", argumentou que o servizo de ambulancias debería ter "máis unidades" dispoñíbeis para atender as urxencias. "E unidades de reserva", matizou, en referencia, nomeadamente, aos municipios que aumentan a súa poboación durante o verán de forma considerábel pola elevada afluencia turística, como é o caso deste concello do Salnés.

Comentarios