Formoso insta Rueda a actualizar a lei de ciencia para "frear a fuga de talento"

O PSdeG carga contra a "falla de compromiso" do Executivo de Rueda.
Valentín González Formoso, esta segunda feira, no CiTIUS. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, esta segunda feira, no CiTIUS. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou a Xunta da Galiza a actualizar a lei de ciencia, que data de 2013, e insistiu en que "hai que frear entre todos a enorme fuga de talento que hai na Galiza".

Formoso, na súa visita esta segunda feira ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), lembrou a recente reforma de lei estatal de ciencia "onde si se procuran as mellores condicións de traballo para todo o persoal investigador".

Deste modo, o líder da formación socialista demandou á Xunta que a situación melloraría "aumentando 0,4% do PIB dedicado a este ámbito dentro dos orzamentos autonómicos", co obxectivo de "equiparar a media estatal dedicada a investigación I+D nos orzamentos".

Transmitir valor ao sector privado

Nesta liña, dixo que a Galiza ten "un pulso e un latexo permanente nos centros de investigación públicos que teñen a capacidade de transmitir ese talento e coñecemento ao ámbito privado". Así, apuntou que a Galiza "sen ciencia e investigadores non é un país de futuro".

Valentín González Formoso subliñou a importancia deste momento histórico para aproveitar os fondos europeos que se adican ao financiamento de proxectos de investigación, unha "grande oportunidade dos sectores produtivos galegos para competir no mundo globalizado".

Finalizou reiterando a importancia que lle dan desde o PSdeG á investigación, xa que para eles "a Galiza sen a súa ciencia, sen os seus investigadores e investigadoras, non é un país de futuro".

Comentarios