Formoso empraza o PSdeG a "dar a cara" nas municipais

O secretario xeral do PSdeG anuncia unha convención municipal no mes de abril.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, este sábado no Comité Nacional da Formación (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, este sábado no Comité Nacional da Formación (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou este sábado a militancia socialista a “arremangarse e dar a cara” ante a cidadanía para obter os mellores resultados nas eleccións municipais do 28 de maio. Fíxoo na súa intervención inicial no comité nacional do PSdeG, máximo órgano do partido entre congresos, reunido en Santiago de Compostela e no que se aprobaron 231 candidaturas para as Alcaldías galegas.

Ás 231 listas aprobadas como comité nacional engadiranse nos próximos días outras candidaturas que están pendentes de ser fechadas, e que serán revisadas e ratificadas, no seu caso, pola comisión nacional de listas. "O PSdeG mantén así o seu compromiso de dar a batalla en todos os concellos nos que sexa posíbel, coa aspiración de concorrer ás eleccións nos 313 municipios da Galiza", explican os socialistas.

No discurso inicial pronunciado por Formoso ante o comité nacional do PSdeG puxo o foco precisamente nas municipais, chamando os membros do máximo órgano do partido e o conxunto da militancia á mobilización e a “arremangarse e dar a cara” nas eleccións municipais para sacar “o mellor resultado”.

Falou directamente a todos os candidatos e candidatas cando asegurou que “a pesar de que hai realidades moi distintas na Galiza”, dende grandes cidades ás vilas máis pequenas, “cando hai un problema de calquera índole, a primeira referencia política é o alcalde ou alcaldesa”, quen ten que solucionar os problemas directamente.

Para Formoso a “política directa é encontrarse cos veciños na escola dos fillos, no taller ou facendo deporte” e cre que por iso “languidecen” as formacións que perden esta perspectiva e non lle prestan atención ao mundo municipal. “É como non prestarlle atención á sociedade”, sinalou. "Esa mesma é a razón pola cal o Partido Socialista ten carácter municipalista", engadiu Formoso, ao que se referiu como “un partido forte e que vai durar dez mil anos máis”.

Convención municipal

Coa intención de amosar esa forza municipal da que presumiu Formoso, anunciou tamén que no mes de abril organizarán unha convención municipalista onde estarán presentes todos os candidatos e candidatas que van nas listas do PSdeG nos comicios municipais. "Será unha cita para exhibir o músculo do partido na Galiza e referendar a aposta firme por gobernar desde os concellos para a maioría dos galegos e galegas", explican desde a formación.

"Despois dun ano percorrendo a Galiza, apostando pola Galiza”, o secretario xeral dos socialistas afirma estar “reconfortado” por coñecer de primeira man o traballo dos militantes e concelleiros socialistas por todo o país, que “levantan cada día a bandeira do socialismo”.

No seu discurso, falou de distintos temas a maiores das eleccións municipais, un deles ao que lle deu bastante importancia foi en denunciar que o Goberno galego está “ausente” ante os problemas que sofre a Galiza. Do mesmo modo, está “ausente cando un dos máis de 100 alcaldes ou alcaldesas socialistas acoden a el cun problema, tendo que recorrer unicamente ás súas deputacións provinciais, salvo a de Ourense, todas presididas polo PSdeG".

Formoso reprochou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que esté “ausente” á hora de tomar medidas que axuden á xente, subliñando que “non hai ningún plan integral ante a situación máis delicada na historia recente do país, coa suba da inflación. Reprobou tamén que a Galiza non estea presente nos debates onde se xoga o seu futuro e emprazou a Rueda a que vaia falar coa presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, xa que na Unión Europea (UE) “non saben quen é”.

En contraposición, recordou as súas visitas ás institucións da UE, onde se reuniu cos comisarios responsábeis das áreas de Cohesión, Pesca, Enerxía e Emprego para falar do futuro estratéxico da Galiza dentro das institucións comunitarias, así como co alto representante da UE, Josep Borrell.

"Orgulloso" do Goberno socialista no Estado español

Alén diso, remarcou que o Goberno socialista do Estado español, liderado por Pedro Sánchez, ao contrario que a Xunta, estivo liderando na UE as medidas para “estar á altura” nos momentos máis difíciles, con iniciativas como os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) da pandemia, o actual tope ao prezo do gas ou os abonos de balde para o tren. Un Goberno que vai por diante e ao que “todos copian na UE”.

Porén, sinalou que co PP gobernando unicamente poñen en dúbida os dereitos dos máis vulnerábeis, como no último caso onde atacaron directamente ás mulleres que queren ou precisan interromper o seu embarazo. Isto fíxoo en referencia ás declaracións de Rueda apoiando os métodos de “coacción” como obrigar a escoitar os latexos do corazón do feto ou votar en contra das sancións aos grupos antiabortistas que acosan a estas mulleres nas portas das clínicas.

González Formoso dixo estar "seguro" de que o PSOE se manterá no Executivo estatal despois das eleccións xerais de 2023, xa que "nestes momentos precisamos dun socialista á fronte, pois o gran avance en modernidade que tivo o Estado español nas últimas décadas sempre chegou cun presidente socialista".

Ante esta perspectiva electoral complexa, con até catro procesos electorais nun período de algo máis dun ano, Formoso incitou á súa militancia a traballar e loitar por manter os gobernos, sendo as municipais de maio “o primeiro gran cabalo de batalla” no que deben vencer.

Comentarios