Formoso di ter "confianza plena" no alcalde de Baiona e asegura que "dará explicacións"

"Confiamos absolutamente no alcalde de Baiona", reiterou González Formoso, despois de que o propio rexedor socialista ofrecese aos responsábeis do partido na Galiza unha "explicación" que cualificou de "radicalmente contraria á que vimos reflectida en prensa".
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, afirmou que ten "confianza plena" no alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a pesar do auto que ordena seguir a súa causa por un suposto delito continuado de prevaricación administrativa e falsidade documental por simular ter unha licenza de estacionamento e retirar a si propio cinco multas.

"Nos próximos días explicará, máis pronto que tarde, que ocorre con esas multas", precisou o líder dos socialistas.

"Confiamos absolutamente no alcalde de Baiona", reiterou González Formoso, despois de que o propio rexedor socialista ofrecese aos responsábeis do partido na Galiza unha "explicación" que cualificou de "radicalmente contraria á que vimos reflectida en prensa".

"El dará as explicacións oportunas", sinalou o secretario xeral do PSdeG sobre o alcalde, do que destacou que "ten un compromiso co seu concello e probabelmente dará chaves de carácter interno que explican o que está a ocorrer alí".

Ademais do alcalde baionés, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xulgado competente tamén ordenou que se siga a causa respecto ao axente da Policía Local investigado por un delito de falsidade documental.

As acusacións

O xuíz explica que, tras as actuacións practicadas, despréndese indiciariamente que o alcalde de Baiona foi denunciado en cinco ocasións, entre o 30 de abril e o 9 de xuño de 2021, por axentes da Policía Local da localidade por estacionar un vehículo da súa titularidade "de forma indebida en zona de carga e descarga". 

Con motivo das anteriores denuncias, segundo o auto, tramitáronse os correspondentes expedientes sancionadores. O investigado, no trámite de alegacións, segundo explica o instrutor, recoñeceu ser o condutor do turismo e alegou que posuía unha licenza de aparcamento que o autorizaba a estacionar nesa zona, mais que eses días, segundo a súa versión, tíñaa colocada noutro vehículo da súa propiedade.

Comentarios